HomePontevedraBaixo MiñoComeza a execución do plan “Tui-Salvaterra Cultura Compartida” 

Comeza a execución do plan “Tui-Salvaterra Cultura Compartida” 

- Anuncio -spot_img

Investiranse 7,2 millóns de euros dos que 4,3 millóns serán financiados con fondos FEDER

O Concello de Tui e o Concello de Salvaterra de Miño, celebraron a primeira reunión de coordinación para a posta en marcha do Plan de Actuación Integrado “Tui–Salvaterra Cultura Compartida”.

No encontro, realizado na casa do concello de Tui, participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, a concelleira de Patrimonio de Tui, Ana Núñez, e o concelleiro de Obras de Salvaterra, Ernesto Groba, xunto a técnicos do proxecto.

Danse así os primeiros pasos tras a publicación da resolución definitiva da convocatoria estatal para a asignación de senda financeira FEDER dentro do período de programación 2021-2027.   Foron seleccionados 242 proxectos en toda España, sendo o de Tui-Salvaterra unha das 28 iniciativas galegas aprobadas.

A xestión  corresponde á Dirección Xeral de Fondos Europeos, e supón un investimento histórico para impulsar estratexias de desenvolvemento urbano e territorial sostible. En concreto este proxecto permitirá mobilizar  7,2 millóns de euros nestes dous municipios, dos que 4,3 millóns de euros  serán financiados con fondos europeos.

“Tui–Salvaterra Cultura Compartida” destaca polo seu enfoque de cooperación intermunicipal e transformación do territorio. O proxecto foi recoñecido pola súa calidade estratéxica e solidez técnica, que superou os esixentes criterios de avaliación do programa, centrados na planificación integrada, o impacto transformador, a gobernanza compartida e a viabilidade das actuacións. Este proxecto pon en valor o patrimonio cultural, a mellora do espazo público, a mobilidade sostible e a dinamización social e económica arredor do río Miño, reforzando os vínculos históricos e culturais entre ambos concellos e consolidando un modelo de desenvolvemento baseado na cooperación territorial.

No encontro de traballo as autoridades e técnicos dos dous municipios abordaron as indicacións recollidas na resolución definitiva para comezar a fase operativa do proxecto. Trataron cuestións clave como a organización da gobernanza conxunta, o calendario das actuacións, os mecanismos de seguimento e control esixidos polos fondos europeos, así como a planificación administrativa e financeira necesaria para executar os investimentos nos vindeiros anos.

Desde os dous municipios sublíñase que este primeiro paso marca o inicio dunha etapa decisiva para converter o Plan de Actuación Integrado “Tui–Salvaterra Cultura Compartida” en melloras reais para a cidadanía, reforzando a calidade urbana, a oferta cultural e a cohesión territorial da contorna do Miño.

AsíTui–Salvaterra Cultura Compartida, preséntase como unha oportunidade estratéxica para transformar o territorio desde unha visión conxunta, aliñada cos obxectivos europeos de sostibilidade, inclusión social e innovación urbana. 

Os Concellos de Tui e Salvaterra destacan que este proxecto europeo non só permitirá executar actuacións concretas, senón tamén consolidar unha alianza institucional estable, capaz de afrontar retos comúns e de proxectar o territorio como un espazo cultural, patrimonial e turístico de referencia.

Publicacións Relacionadas