Ludoconcilia FEMUPO bota a andar en Salvaterra de Miño: un campamento rural inclusivo que aposta pola conciliación, a igualdade e o coidado educativo no verán
Esta semana deu comezo en Salvaterra de Miño unha nova edición do campamento “Ludoconcilia FEMUPO”, promovido pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) e cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdad, Goberno de España, e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
O campamento, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto nas instalacións da Escola da Natureza A Gorriona, ofrece 54 prazas para nenos e nenas de ata 16 anos, sendo un recurso fundamental para as familias que precisan apoio durante as vacacións escolares.
O Ludoconcilia FEMUPO é único na provincia pola súa aposta pola inclusión real. As actividades inclúen estudo e repaso escolar, para reforzar a aprendizaxe durante o verán, combinado con dinámicas lúdicas como obradoiros de cociña, actividades con animais da granxa, xogos colaborativos, xogos de auga e visitas ao río, aproveitando a contorna natural da granxa escola como escenario educativo.
Ademais, ao longo do campamento desenvolveranse obradoiros en igualdade e corresponsabilidade, fomentando entre a infancia valores como o respecto, a convivencia e o coidado compartido, tanto no fogar como no entorno social.
Con este proxecto, FEMUPO continúa a súa aposta por unha conciliación con perspectiva de xénero, inclusiva e transformadora, poñendo no centro ás familias, aos coidados e ao dereito das crianzas a medrar en espazos seguros, libres de estereotipos e cheos de oportunidades.