– A segunda roza e limpeza anual dos camiños municipais comezou hoxe na parroquia do Viso, onde continuarán ao longo da próxima semana. Unha vez rematados as tarefas nesta parroquia as brigadas continuarán en Cesantes, e logo percorrerán o resto de parroquias.
– As tarefas de roza e limpeza fanse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. Esta é a segunda campaña de limpeza que se fai neste 2025. As brigadas traballarán ata o mes de novembro para deixar a punto os camiños municipais de todas as parroquias.
RTodos os camiños municipais lucirán en perfecto estado antes de que remate o ano. O contrato “histórico” adxudicado polo Concello de Redondela permite realizar traballos de roza e limpeza nas 13 parroquias dúas veces ao ano. Hoxe comezaron a segunda campaña de rozas na parroquia do Viso, na zona de Soutoxuste, e continuarán a vindeira semana polo resto de barrios da parroquia.
A empresa Naturgalia, responsable do servizo, continuará despois nas parroquias de Cesantes e Ventosela.
Pedro Villaverde, concelleiro responsable da área, explica que os traballos continuarán ata finais de novembro polo resto das parroquias do municipio para manter as estradas e camiños libres de maleza e en perfecto estado.
O obxectivo do Concello con este contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano. Trátase dunha “aposta decidida” da alcaldesa Digna Rivas “pola mellora da calidade de vida nas parroquias, cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos”.
Os traballos deixan os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos, o que inclúe a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros. Os operarios retiran todo o lixo e restos vexetais e fan unha limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. As brigadas limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos e retiran todo o lixo acumulado para permitir unha boa evacuación da auga e evitar asolagamentos na época de chuvias.
O contrato, por dous anos, licitouse por un importe de 989.268 euros e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual.

