Comeza o curso de ‘almacenaxe, repsición e atención ao público’ en Ponteareas

adminON
Lectura mínima de 3

• A formación será impartida pola Fundación Érguete-Integración en colaboración co Concello e está promovida pola Deputación de Pontevedra a través do Programa Emprego Inclusivo

• Doce persoas desempregadas e con dificultades para acceder ao emprego formaranse nesta especialidade

O Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas acolleu esta mañá a inauguración do curso ‘Almacenaxe, reposición e atención ao público’, que imparte a Fundación Érguete-Integración en colaboración co Concello.

Este curso, promovido pola Deputación de Pontevedra a través do Programa Emprego Inclusivo, ten como obxectivo formar a doce persoas desempregadas e con dificultades para acceder ao emprego nesta especialidade.

Ao acto de inauguración acudiron a deputada de Igualdade e Benestar Social, María Sandra Bastos Míguez; a concelleira de Emprego, Silvia F. Táboas; e a directora de Fundación Érguete-Integración, Ana Álvarez.

Durante os meses de outubro e novembro, as persoas participantes cursarán módulos de almacenaxe e atención ao público, carretilla elevadora e manipulación de alimentos, igualdade de oportunidades ou emprendemento, entre outros. Completarán a súa formación con 80 horas de prácticas en empresas da área, o que lles permitirá exercitar as destrezas e habilidades adquiridas e coñecer de primeira man as oportunidades do sector.

A concelleira agradeceu a todas e todos os que fan posible esta acción formativa “alumnado, profesorado e técnicos do CDL por traballar cada día para mellorar o presente e o futuro. Dende a concellería consideramos imprescindible aumentar os esforzos en educación e formación de competencias, dar máis importancia á orientación e fomentar o emprendemento”.

“Para iso é necesario establecer medidas e políticas que reduzan a precariedade laboral das persoas, en especial da mocidade e das persoas vulnerables. Por este motivo en Ponteareas desenvolvemos varias accións nesta liña: o primeiro Programa Integrado de Emprego, o primeiro obradoiro de emprego xuvenil, volvemos a ter un novo obradoiro de emprego en dúas modalidades, aliámonos tamén coa Fundación Érguete, acabamos de abrir a sede da extensión da UNED, abrimos a primeira residencia de artistas para potenciar novos talentos, no centro de emprendemento entregamos os primeiros espazos coworking, formacións gratuitas na aula CEMIT e, como non, o asesoramento da orientadora laboral e dos técnicos e técnicas do CDL. Anímovos a todas a aproveitar todos estes recursos, a non ter ningún tipo de reparo e a ser valentes para seguir formándovos”, destacou Silvia F. Táboas.

Comparte este artigo