- ● Habilitarase un itinerario de 640 metros pola banda esquerda desta vía e reforzarán a seguridade e a mobilidade dos peóns nese treito
- Hoxe tamén se publicou no DOG o acordo de aprobación definitiva do proxecto de trazado para executar outra senda na PO-407, no treito que vai ao colexio público Cruz Budiño
- O Concello do Porriño promove que se unan ambas sendas para conectar a Vacaría co barrio da Cruz de maneira segura para os peóns
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres as obras de construción dunha nova senda peonil na parroquia de Budiño.
A través desta actuación, executada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestructuras cun orzamento de máis de 250.000 euros, habilitarase un itinerario peonil na estrada PO-510 para favorecer a seguridade da veciñanza nos seus desprazamentos a pé na zona da Vaquería.
As intervencións, deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta no marco do Plan de sendas de Galicia, centraranse en reforzar a seguridade e a mobilidade dos peóns neste treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.
En concreto, executarase unha senda, cunha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, de 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.
Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión. A actuación en execución tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.
Continuidade ata o colexio público Cruz Budiño
O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que hoxe tamén se publicou no DOG o acordo de aprobación definitiva do proxecto de trazado para executar outra senda na PO-407, no treito que vai ao colexio público Cruz Budiño. “A intención é unir ambas sendas e facer un intinerario peonil que teña continuidade desde a Vaquería ata o barrio da Cruz, onde se atopa o colexio”.
Neste caso será preto de 1 quilómetro de senda na marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020, creando un espazo seguro para o tránsito peonil independente da calzada, xa que esta carece na actualidade dunha zona destinada á circulación dos peóns.
A actuación deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunha senda en formigón coloreado de ancho mínimo de 1,80 metros, agás nun estreitamento puntual na contorna do punto quilométrico 0+750, onde existe unha estrutura.
De cara a facilitar a accesibilidade, nos vaos peonís previstos, colocarase pavimento táctil de botóns ou direccional, formado por baldosas de 30×30 centímetros sobre unha base de formigón. O pavimento táctil, indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade.
As obras previstas inclúen melloras da seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes nos puntos quilométricos 0+280 e 0+960. En ambos os casos acondicionarase e ampliarase a zona peonil, sinalizarase o refuxio e disporase de pavimentos que cumprirán as normativas vixentes de accesibilidade.
A intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, a mellora dos sistemas de drenaxe, a recolocación de contenedores de residuos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.
Esta nova actuación da Xunta conta cun orzamento de 425.000 euros e é susceptible de financiamento dos fondos europeos FEDER 21/27.

