HomePontevedraO CondadoComezan as obras de urbanización do sector T-02 Eroski en Angoares, Ponteareas

Comezan as obras de urbanización do sector T-02 Eroski en Angoares, Ponteareas

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas informa que comezaron as obras de urbanización do sector T-02 Eroski, situado na contorna da estrada PO-403 e da glorieta de acceso, un paso decisivo para a transformación urbanística desta zona estratéxica do municipio.

As actuacións, cun prazo de execución de 12 meses, contan cun investimento de 1.134.282,97 euros, asumido integramente por Eroski , e permitirán transformar o actual solo urbanizable en solo urbano consolidado, posibilitando así a ampliación da actividade comercial existente.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, destacou que “esta actuación supón un avance moi importante para a ordenación urbanística de Ponteareas, xa que permite completar a trama urbana nunha contorna clave, mellorando as infraestruturas, os accesos e a integración paisaxística da zona”.

A edil explicou que as obras permitirán gañar arredor de 10.000 metros cadrados de espazos libres, equipamento e rede viaria, ademais da obtención dunha parcela dotacional pública de 900 metros cadrados e de novas zonas verdes de 3.241 m2 para desfrute da veciñanza, en liña coa estratexia municipal Infraestrutura Verde. Ademais permitirá crear un espazo para dar servizo ás autocaravanas.

Entre as actuacións previstas figura tamén a construción dunha nova rotonda de acceso ao hipermercado, reforzando os sistemas xerais viarios e ordenando os fluxos.

“Falamos dunha intervención que non só dá resposta ás necesidades actuais de mobilidade e servizos, senón que planifica o crecemento futuro da vila cunha visión moderna, eficiente e sostible”, engadiu Silvia Fernández Táboas.

O proxecto contempla a creación de novos aparcadoiros públicos, a ampliación da rede viaria e a urbanización do espazo para zonas verdes e espazos libres complementarios, garantindo unha rede común e coherente de infraestruturas, sen afeccións desfavorables á rede urbana existente.

A ordenación deseñada establece unha sección de rúa ampla, aberta e funcional, coidando especialmente as solucións de urbanización, o tratamento dos bordo, o aumento do arborado no centro urbano e a integración no entorno paisaxístico. Así mesmo, inclúense condicións específicas para garantir as mínimas emisións contaminantes e un tratamento estético axeitado dos usos comerciais e compatibles.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, valorou esta actuación como parte da estratexia de goberno de mellora continua e modernización do municipio.

“Seguimos avanzando nun modelo de vila moderna, ordenada e preparada para o futuro. Esta obra é un exemplo da nosa estratexia de mellora continua das infraestruturas, dos espazos públicos e dos servizos, sempre pensando na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento sostible de Ponteareas”, afirmou a rexedora.

Nava Castro subliñou ademais que “cada investimento e cada actuación urbanística forman parte dunha folla de ruta clara: modernizar Ponteareas, mellorar a mobilidade, ampliar os espazos públicos e crear novas oportunidades para o crecemento económico e social do municipio”.

Con esta actuación, o Concello dá un novo paso na consolidación dun urbanismo planificado, eficiente e orientado ao interese xeral. Dende a compañía apuntan que este proxecto é unha mostra da súa aposta comercial por Ponteareas e a súa comarca.

Publicacións Relacionadas