HomePontevedraO CondadoComezan as obras do proxecto de mobilidade amable e recuperación de espazos...

Comezan as obras do proxecto de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos en avda Constitución e contorna dos Xardíns da Xiralda

- Anuncio -spot_img
  • O goberno de Ponteareas reformulou o proxecto para intervir en dúas rúas máis e rematar cos graves problemas de accesibilidade
  • Abrirase ao tráfico a rúa Concha Brey e Reveriano Soutullo
  • Máis zonas verdes e novas canalizacións de subministros
  • Primeiro punto de carga eléctrica para vehículos na rúa Virxe dos Remedios

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Urbanismo, informa do inicio das obras do proxecto básico e de execución de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos: Avda. Constitución e contorna dos Xardíns da Giralda (rúa Concha Brey), enmarcado no programa PON2030 da Deputación de Pontevedra.

A actuación, cun orzamento total de 1.103.535,08 euros, será executada pola empresa ORESA Construcción y Servicios Globales S.L. As obras desenvolveranse por tramos, co obxectivo de minimizar o impacto no día a día do comercio local e da veciñanza segundo informa a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas. O acceso aos establecementos comerciais permanecerá sinalizado e aberto en todo momento para facilitar a entrada de clientes. O primeiro tramo de intervención abranguerá a avenida Constitución na contorna da praza.

Este proxecto ten como principais obxectivos mellorar a accesibilidade, incrementar as zonas verdes para reducir as illas de calor, achegar o comercio á cidadanía e modernizar as redes de subministracións urbanas. Grazas á reformulación realizada polo actual goberno local, incorporáronse dúas novas rúas con graves problemas de accesibilidade, dando así resposta ás demandas veciñais.

Deste xeito, o Concello dotará de acceso a cinco edificios da rúa Constitución actualmente bloqueados por escalóns, reorganizando o espazo da praza e os xardíns, unha mellora non contemplada no proxecto inicial.

Primeiro punto de recarga eléctrica de coches

Adianta Fdez. Táboas que na rúa Virxe dos Remedios instalarase o primeiro punto de recarga eléctrica de vehículos e que, atendendo ás peticións veciñais, abrirase ao tráfico a rúa Concha Brey a través da rotonda da avenida de Galicia, permitindo a continuidade ata Reveriano Soutullo, que tamén se abrirá ao tráfico. Ademais, a rúa Virxe dos Remedios será outra das vías que permitirán circular en dirección á Concha Brey.

Substitución de adoquín

Así mesmo, incluíuse no proxeto a rúa Rogelio Groba para substituír o pavimento de adoquíns por un solo máis accesible e seguro. A este respecto o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obras, Juan Carlos Glez. Carrera, explica a existencia de “grandes problemas co adoquín, que provocaba caídas e queixas”, adiantando que agora “apóstase pola plataforma única tanto nos laterais do Concello como na rúa Constitución e permitirase o acceso rodado a unha parte de Ponteareas que estaba inaccesible cos conseguintes prexuízos para cidadanía e o comercio”.

Nova parada de taxis e beneficios para a venda ambulante

Carrera engade que se regulará unha nova parada de taxi que as rúas Constitución e Concha Brey serán máis anchas e dun mesmo nivel facilitando a colocación dos postos de venda ambulante.

Outra das grandes apostas do proxecto é o incremento das zonas verdes e a reorganización dos espazos axardiñados con especies axeitadas, substituíndo aquelas que transmiten pragas e introducindo vexetación que contribúa a reducir a temperatura e evitar as illas de calor.

O proxecto tamén contempla a renovación das redes de abastecemento e saneamento, así como a instalación de canalizacións para o cableado eléctrico soterrado, co obxectivo de eliminar cables das fachadas e mellorar a estética urbana.

Con este investimento de 1,1 millóns de euros, Ponteareas continúa avanzando cara a un modelo de cidade máis amable, sostible e accesible, centrado nas persoas e na recuperación do espazo público, así o explicou a alcaldesa Nava Castro que insiste na necesidade de desenvolver proxectos integrais, ben pensados e que dean resposta ás necesidades reais.

Publicacións Relacionadas