HomeVigoBaionaComezan as Rutas e Veladas Culturais do verán en Baiona

Comezan as Rutas e Veladas Culturais do verán en Baiona

- Anuncio -spot_img

O xardín da Casa da Navegación acollerá os concertos e lecturas literarias

A partir de mañá luns día 7 de xullo dará inicio a actividade estival planificada pola Concellería de Cultura do concello de Baiona para os meses de xullo e agosto. Baixo o título “Santa Marta e Francis Drake na posta de sol”, a guía intérprete do patrimonio, Patricia Muñoz, desvelará aos asistentes as andanzas do corsario inglés na vila.

Un percorrido cunha duración aproximada de hora e media, para afondar no contexto histórico e as repercusións sociais e materiales do desembarco na ermida e o seu entorno.

A visita guiada partirá do posto de Salvamento da Praia de Santa Marta, contra as 20.45h., no escenario e horario que cadran co ataque de Sir Francis Drake, no 1585. Deste modo comeza o verán na axenda de roteiros culturais “Entre Lusco e Fusco”.

A primeira das veladas músico-literarias celebrarase o venres 11, ás 20h., nos xardíns da Casa-Museo da Navegación, emprezados mesmo no casco histórico. O “Cuarteto Prima” ofrecerá un variado repertorio musical, con pezas de Bach, Galliano, Piazzola ou a coñecida por todos os públicos Cinema Paradiso, de E. Morricone.

A cita cultural do venres será conducida por Gustavo Garrido, coa lectura de textos na honra de Carlos Casares. Garrido é vicepresidente da Fundación Carlos Casares, fixo parte do Consello de redacción da revista Grial e da Comisión de Calidade da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. É ademais autor de “Aventureiros e curiosos. Relatos de viaxeiros estranxeiros por Galicia séculos XV-XX” (Editorial Galaxia), da colección “Galicia no espello”, da que foi director.

O acceso é libre e de balde para todas as persoas que desexen gozar das actividades. No caso das Rutas Culturais Entre Lusco e Fusco, cómpre facer inscripción previa na propia casa da Navegación de Baiona, a través do teléfono 986 356 688 ou do correo electrónico casa.navegacion@baiona.gal

Publicacións Relacionadas