HomePontevedraO CondadoComezan os concertos do Son do Tea programados cada fin de semana...

Comezan os concertos do Son do Tea programados cada fin de semana polo concello de Ponteareas

- Anuncio -spot_img

Tres bandas de música e un total de 9 concertos conforman a segunda edición de “O Son do Tea”, unha iniciativa do Concello de Ponteareas para a posta en valor das bandas de música locais.

Explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, que a primeira edición foi un éxito rotundo que non deixou máis alternativa que a de seguir apostando por esta proposta. “O ano pasado veciñas e veciños, emigrantes retornados e visitantes fixéronnos chegar as súas felicitacións por este ciclo de concertos que lle traia á memoria recordos de infancia e que lles permitiron desfrutar da música cada fin de semana e iso é un indicador que nos satisface e que temos claro que debemos volver ofrecer”. O tenente de alcaldesa engade que ademais do respaldo dun numeroso público, “O Son do Tea” seguirá nan axenda estival ao ser unha excelente plataforma de difusión da tradición musical de Ponteareas e das e dos músicos das tres bandas locais.

Así, ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro, a Banda de Música Unión de Guláns, a Banda de Música de Xinzo e a Banda de Música Reveriano Soutullo, ofrecerán pasarrúas e concertos os sábados e domingos arredor do mediodía baixo a sombra nos xardíns da Xiralda.

Nove concertos que deixan clara a aposta do Concello de Ponteareas por potenciar a cultura musical e visibilizar o bo traballo que se fai nas escolas e bandas de música locais.   

Abre o ciclo de concertos de “O Son do Tea” a Banda de Música Reveriano Soutullo este sábado día 5 de xullo, cun pasarrúas dende a Praza Maior ás 12:00 horas que os levará ata os Xardíns da Xiralda onde ofrecerán un concerto ás 12:30 horas.

A alcaldesa, Nava Castro, únese ás felicitacións e salienta que esta proposta tamén contribúe a dinamizar a oferta cultural e promove o encontro arredor da música creando un ambiente agradable que convida a visitar Ponteareas, a percorrer as súa rúas e facer as compras. “Pequenas e grandes accións que dan vida e configuran un espazo dinámico, acolledor e alegre, que contaxia vitalidade e gañas. O ano pasado foi fermoso ver ao público escoitando ás bandas, rememorando momentos”.

Publicacións Relacionadas