HomeTabeirósCerdedo - CotobadeComezan os labores de limpeza e posta en valor dos petróglifos da...

Comezan os labores de limpeza e posta en valor dos petróglifos da Laxe das Rodas, en San Xurxo de Sacos

- Anuncio -spot_img

• A intervención permitirá recuperar os gravados rupestres no seu máximo esplendor para ser obsevados por veciños e visitantes xunto á vista panorámica sobre o Val do Lérez

Os arqueólogos da empresa Árbore Sociedade Cooperativa Galega comezan xa a executar os labores de limpeza e posta en valor dos petróglifos da Laxe das Rodas, en San Xurxo de Sacos, dentro das actuacións programadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade a través do convenio asinado coa Xunta de Galicia.

Estes traballos están sendo levados a cabo pola empresa Árbore, Sociedade Cooperativa Galega, especializada en posta en valor do patrimonio arqueolóxico e encádrase nas actuacións previstas no convenio asinado entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo cal a Xunta aportou uns 30.000 euros destinados a preservar e poñer tamén en valor os petróglifos de Laxe dos Cebros e Pedra das Ferraduras, unha vez rematados os traballos na Portela da Laxe, en Viascón.

Os arqueólogos están procedendo á retirada da reixa de ferro, realizar a diagnose correspondente sobre o estado do soporte pétreo dos petróglifos e proceder, con coidado á limpeza do mesmo de musgos e liques para que se poidan contemplar en toda a súa magnitude os gravados, que son magníficos.

Este traballo complexo está sendo realizado por un equipo cualificado de restauradoras e arqueologos, con experiencia en actuacións anteriores de características semellantes, dirixidos por Tito Concheiro, unha verdadeira autoridade na materia.

Nestes momentos estase eliminando toda a maleza que ameazaba a estes petróglifos e vaise proceder a aplicar novas tecnoloxías que están resultando moi efectivas noutras experiencias de recuperación similares no norte de Europa co fin de erradicar, sin causar o mínimo dano ao soporte pétreo, os liques que dificultan a observación e definición dos gravados rupestres.

LEVANTAMENTO FOTOGRAMÉTRICO DOS GRAVADOS RUPESTRES

Posteriormente a este traballo, os arqueólogos aproveitarán estas intervencións para realizar traballos de documentación e rexistro dos petróglifos mediante o seu levantamento fotogramétrico e realización de fotografías nocturnas e tamén toma de imaxes e vídeo aéreo.

Outra parte dos traballos que serán realizados pola empresa Árbore consistirán na colocación e/ou reposición da sinaléctica, divulgación nas redes sociais destes elementos da arte rupestre, organización de visitas guiadas e charlas informativas sobre os petróglifos.

Os petróglifos da Laxe das Rodas (GA36012020) figura en todos os tratados e guías sobre arte rupestre. Sitúase na parroquia de San Xurxo de Sacos, no lugar de Lombo da Costa, nun impoñente esporón que domina as perspectivas do canón medio do río Lérez. Conforma unha paisaxe única dotada dunha forza escenográfica descomunal. O seu nome, como é lóxico, ten orixe na multitude de combinacións circulares, complexas e de gran tamaño, que a enchen por completo.

Publicacións Relacionadas