– A empresa adxudicataria do contrato, Naturgalia, comezará o 1 de abril os traballos de roza e limpeza en Cesantes. As brigadas traballarán ata finais de xuño para deixar a punto o resto dos camiños municipais de todas as parroquias.
– As tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase no trimestre de abril a xuño e unha segunda roza entre setembro e novembro. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.
-“O obxectivo deste contrato histórico que comezou o ano pasado é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas.
Todos os camiños municipais lucirán en perfecto estado antes de que comece o verán. O contrato “histórico” adxudicado polo Concello de Redondela en 2024 permite realizar traballos de roza e limpeza nas 13 parroquias dúas veces ao ano. A empresa Naturgalia, responsable do servizo, comezará o 1 de abril
os traballos en Cesantes e continuarán despois no Viso e Ventosela. Logo continuarán polo resto das parroquias do municipio “para manter as estradas e camiños libres de maleza e en perfecto estado para o seu uso”, explica a alcaldesa Digna Rivas. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Tal como aconteceu por primeira vez en 2024, as tarefas de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase entre os meses de abril e xuño e unha segunda roza no trimestre de setembro a novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos.
Os traballos deixarán os camiños e as súas marxes despexados, rozados e limpos, o que inclúe a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros. Os operarios retiran todo o lixo e restos vexetais e fan unha a limpeza a fondo das cunetas con maquinaria especializada. As brigadas limpan os caños e sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos e retiran todo o lixo acumulado permitir unha boa evacuación da auga.
Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza tamén son retirados e Naturgalia encárgase do transporte de todo os residuos, así como da súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental.
O contrato, por dous anos, licitouse por un importe de 989.268 euros e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual.