Á vista da obra realizada, a impresión lóxica é considerar esta decisión como un aldraxe ao “sentidiño” común polo efecto negativo que causará á cidadanía e aos usuarios do servizo.
O servizo municipal de préstamo de bicicletas, Vaibike!, foi creado por iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Innovación e Turismo, baixo a dirección política de Rosa Abuín, concelleira do grupo municipal do BNG e do Goberno Local (2007-2011), compartido polo PSdeG e BNG. O seu impulso respondeu á necesidade táctica de integrar as bicicletas na mobilidade urbana habitual como consecuencia lóxica dun modelo de cidade que sexa un espazo moito máis amable para o benestar e saúde da súa veciñanza.
Certamente, os gobernos de quenda que seguiron a este promotor, mantiveron unha clara acción de desleixo pola promoción, coidado e continuidade deste fundamental servizo que debe apuntalar o futuro dun urbanismo sustentábel. A situación, a día de hoxe, alén dos anuncios formais de proxecto e tempos de xestión, continúa por esta dinámica na que é de recoñecer o positivo da extensión do lugares de ancoraxe, as estacións do Vaibike!. Malia todo, á vista da obra realizada no Parque da Praia Compostela, colocando as columnas de fixación das bicicletas, dentro da zona de lecer, en chan de terra, resulta un aparente aldraxe ás decisións de “sentidiño” común; polo que cabe preguntarse:
Que razóns técnicas aconsellaron esta “anómala” escolla para súa localización?
Considera o Goberno Local que esta é a mellor das solucións, descartando outras?
Valórase, pola Alcaldía, a posibilidade de rectificar, mudando a outro asentamento?



