O equipo de goberno do Concello de Salceda, co apoio de PSOE e BNG, diante das informacións publicadas polo Partido Popular provincial, quere manifestar que non é estilo deste goberno manipular imaxes nen invisibilizar a ninguén, e ante as acusacións verquidas polo voceiro popular de Salceda, Santiago Rodríguez e polo presidente provincial Luis López, lembran dende Movemento Salceda que xa se deron as explicacións pertinentes e se pediron desculpas polo erro na publicación dunha imaxe que non debía ser publicada e que xa se restituíu no mesmo momento no que se detectou o erro.
Concordan as tres forzas de esquerda que o Partido Popular está a empregar unha estratexia para xustificar a súa incomprensible maneira de actuar dende a mesma Deputación de Pontevedra cos feitos que a continuación pasamos a describir:
- O Concello de Salceda está a executar nestes momentos a obra de saneamento de Entenza, proxecto que conta con financiamento a cargo do Plan Extra e o Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.
- O pasado luns 27 de outubro, o equipo de goberno municipal organizou visita á mencionada obra, convidando a asistir á Deputación de Pontevedra e aos grupos da corporación municipal.
- A visita desenvolveuse con normalidade, contando coa presenza de Pablo Castillo, deputado provincial, e con representación dos catro grupos da corporación municipal (MS, PSOE, BNG e PP).
- Unha vez rematada a visita, a Deputación de Pontevedra emite comunicado “a bombo e platillo” anunciando o investimento realizado en Entenza, sen mencionar en ningún momento ao Concello de Salceda de Caselas, que é quen solicitou o investimento e quen licita e xestiona a obra na súa totalidade. O máis grave, se cabe, é que o ente provincial ilustra o comunicado con unha imaxe do deputado Pablo Castillo diante do cartel de obra, acompañado por concelleiros do Partido Popular, eliminando calquera rastro de presenza da alcaldesa, do equipo de goberno, o do resto dos grupos políticos, nin a empresa que está a realizar a obra.
- Cabe lembrar que o Partido Popular de Salceda inicialmente pediu publicamente que o Plan Extra se destinase á construción dun novo pavillón, e que foi o equipo de goberno quen decidiu destinalo a saneamento, cumprindo deste xeito un dos puntos do pacto de investidura asinado por MS, PSOE e BNG.
- Non se entende que, non sendo o saneamento de Entenza o investimento proposto polo Partido Popular, senón polos grupos de esquerda, a propia Deputación difunda esa información e o faga ademais con unha foto de partido que nada ten que ver coa Corporación Municipal nin co Concello que é quen está a executar o proxecto.
- Cabe lembrar tamén que os fondos provinciais pertencen aos Concellos, e son os Concellos os que deciden os proxectos nos que se invisten eses fondos. Semella que os fondos pertencesen ao Partido Popular, aínda incluso sen estar de acordo co proxecto a executar nesta ocasión.
Por todo o exposto, os grupos municipais de MS, PSOE e BNG, rexeitamos o uso partidista da Deputación de Pontevedra e e o xeito de proceder do grupo municipal do Partido Popular, tentando enganar á veciñanza e vender uns logros que non son seus.
O partido popular, e o que é máis grave, a propia Deputación de Pontevedra si que cometeron un feito grave de invisibilización da Alcaldesa, o equipo de goberno e as forzas políticas de esquerda que conforman a maioría da corporación, e intentan agora desviar a atención con un feito que xa quedou máis que aclarado que non é tal “confabulación” como se pretende vender.



