HomeVigoNigránConcello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares convocan un novo certame...

Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares convocan un novo certame escolar de relato curto ‘Un lobo e un can, andan soltos por Nigrán’

- Anuncio -spot_img

O alumnado de Primaria de Nigrán e o CEE Juan María dispoñen do 15 de febreiro ao 30 de marzo para presentar unha historia que xire en torno ao libro de Casares ‘O can Rin e o lobo Crispín’

Os premios serán entregados nunha gala no Auditorio Municipal o sábado 12 de abril e constarán dun lote de libros para os cinco primeiros clasificados e diplomas para todos

O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares colaboran un ano máis para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares entre a mocidade de Nigrán a través dun concurso de relato curto cuxo prazo de presentación de propostas comeza o 15 de febreiro e remata o 30 de marzo. Froito desta unión é esta terceira edición da gala ‘Carlos Casares: no camiño das artes’, que consta do devandito certame ‘Un lobo e un can, andan soltos por Nigrán’, en referencia ao seu libro ‘O can Rin e o lobo Crispín’. A finalidade é estender o legado do escritor ás novas xeracións nun concello que namorou tanto a Casares como a Kristina Berg, a súa muller, e onde construíron o seu fogar definitivo.

O concurso está dirixido a alumnado de Primaria matriculado nalgún dos colexios de Nigrán (CEIP Humberto Juanes de Nigrán, Mallón, Carlos Casares de Vilariño, da Cruz en Camos, CPI Arquitecto Palacios en Panxón, Ángel de la Guarda en Priegue e Estudio de Chandebrito), CEE Juan María de Parada e CEE de Panxón. A historia debe xirar ao redor deste libro que Carlos Casares publicou en 1983. As bases completas do certame están penduradas en www.nigran.es. A entrega de premios realizarase nunha gran gala o sábado 12 de abril no Auditorio Municipal, constando de cadanseu lote de libros para os 5 primeiros clasificados e diplomas para todos.

A Fundación Carlos Casares resalta “a importancia deste concurso e a súa Gala de entrega, dirixidos aos escolares de Nigrán, onde nenos e nenas son protagonistas, para que no futuro, cando sexan adultos e maiores, manteñan no corazón un recordo entrañable do escritor ourensán que veu coa súa familia para Nigrán, e un día escribiu: Nigrán, o lugar onde me gusta vivir.”

“Carlos Casares está ligado para sempre a Nigrán e queremos que a nosa mocidade así o sinta, por iso nos parece moi acertado promover a lectura da súa obra e animar a que escriban as súas propias historias partindo das del, é seguramente o noso veciño máis ilustre e querido”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, sobre o ilustre autor falecido no 2002 en Nigrán e cuxos restos descansan no cemiterio municipal do Ceán.

Publicacións Relacionadas