HomeVigoNigránConcello de Nigrán leva o proxecto africano "Cinecicleta" de cine a pedal...

Concello de Nigrán leva o proxecto africano “Cinecicleta” de cine a pedal ás parroquias do municipio

- Anuncio -spot_img

O documental que se amosará narra a historia de Isabel Segura e Carmelo López, unha parella que percorreu África durante dous anos levando o cine a aldeas remotas grazas á electricidade proporcionada polo pedaleo das súas bicis

Os protagonistas estarán traballando co seu particular equipo de proxección este domingo ás 22:00 horas en Chandebrito, o luns na Carrasca, o martes en Balinfra e o mércores en Panxón

“Estamos moi orgullosos de traelos a Nigrán porque reúnen nun mesmo proxecto a nosa aposta polo festival de cine a pedal e, por outro, a nosa conciencia social de colaboración cos países en vías de desenvolvemento”, valora o alcalde, Juan Gonzálezen referencia aos 115.000 € que nos últimos 3 anos o Concello adicou a proxectos de desenvolvemento neste continente

O Concello de Nigrán aposta polo cine máis sostible para transportarnos a África literalmente en bicicleta. Deste xeito, desde este domingo e ata o mércores o Concello ofrecerá polas parroquias de interior ‘Cinecicleta’, un proxecto de Isabel Segura e Carmelo López, unha parella de españois (alicantina e madrileño) que durante máis de dous anos percorreu África en bicicleta proxectando películas mediante un sistema que se acciona grazas ao pedaleo dos espectadores, o que lles permitíu montar sesións de cinema alá onde non había electricidade. Os dous viaxeiros, emprendedores e amantes do séptimo arte, montarán agora o seu particular equipo de proxección o domingo ás 22:00 horas en Chandebrito, o luns na Praza da Carrasca (Parada), o martes en Balinfra (antiga escola unitaria de Camos) e o mércores na A.V. Monteferro-Panxón (A Porqueira), nestes lugares pedalexarán para amosar en pantalla o seu propio documental sobre esta experiencia que emprenderon no ano 2015 e que os levou a percorrer a Península e cruzar África ata Madagascar. En total, sumaron 18.000 quilómetros e fixeron máis de 200 sesións de cine en aldeas nas que a súa chegada supoñía todo un acontecemento.

“Estamos moi orgullosos de traelos a Nigrán porque reúnen nun mesmo proxecto a nosa aposta polo festival de cine a pedal que facemos cada verán na Foz e, por outro, a nosa conciencia social de colaboración cos países en vías de desenvolvemento, cremos que é particularmente educativo amosar este documental á veciñanza”, valora o alcalde, Juan González, en referencia aos 115.000 € que nos últimos 3 anos o Concello adicou a proxectos de desenvolvemento neste continente (a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que o Concello de Nigrán preside, o consistorio ten desenvolvido proxectos concretos nos campamentos de refuxiados saharauis en Alxeria, Guinea-Bissau, Mozambique ou Cabo Verde).

Para levar a diante esta odisea que agora chega a Nigrán, Isabel e Carmelo fixéronse cun cinema portátil que funcionaba a pedais, a Cinecicleta. Levaríano na súa viaxe para regalar películas a cambio de algo de comida e un lugar de descanso. A enerxía mecánica humana finalmente foise transformando en luz e imaxe, e esta enchería de asombro, de ilusión, de imaxinación e fascinación algúns recunchos de cada unha das aldeas onde chegaban. Durante a súa viaxe foron gravando o seu día a día con varias cámaras de vídeo. Un diario en imaxes que, ademais de plasmar o que ían atopando no camiño, supoñía tamén un espazo no que expresar as súas inquedanzas e emocións. Agora, todo o vivido en África chega a Nigrán da súa man, ofrecendo cos mesmos medios o seu documental e co gran aliciente de poder responder a todas as preguntas que o público plantexe. 

Publicacións Relacionadas