O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou hoxe á Comisión de Infraestruturas sobre a continuidade das xestións realizadas entre o Goberno local e a Deputación de Pontevedra para impulsar o acceso a Castro Senín, un proxecto que considerou “necesario”.
Este acceso leva tempo estudándose e busca mellorar a conexión deficiente coa base dos Grupos Rurais de Seguridade da Garda Civil. Segundo explicou o concelleiro, a Deputación ten o proxecto “avanzado” e traballado. A vía plantéxase mediante unha nova traza duns 600 metros de lonxitude e non afectaría a vivendas nin a edificacións, e pasa por terreo rústico. A proposta enlaza a nova estrada perimetral de Montecelo con Castro Senín partindo dunha glorieta creada nesa vía perimetral.
Segundo as estimacións do concelleiro de Infraestruturas, o custo da obra rondaría o millón e medio de euros.
Suavizar a normativa de lombos a nivel estatal
Ademais dos proxectos de infraestruturas, César Mosquera informou sobre a súa próxima participación no VIII Encontro de cidades pola seguridade viaria e a mobilidade sostible da DXT (Dirección Xeral de Tráfico) en Badaxoz. Mosquera, que asistirá como representante de Pontevedra, intervirá nunha mesa sobre “Compartir é vivir: o reto de convivir no espazo urbano”.
O concelleiro indicou que aproveitará o foro para propoñer un debate sobre a normativa estatal dos pasos de peóns sobreelevados ou lombos. O problema radica na Instrución técnica do Ministerio de Fomento que fixa características (como unha pendente do 10% para 30 km/h e unha lonxitude máxima de 4 metros) que demostraron ser “moi duras” especialmente para os autobuses.
Aínda que esta normativa só é de aplicación á rede de estradas do Estado, estase aplicando por analoxía noutras administracións, creando “un problema serio” e provocando rexeitamento.
Pola contra, Pontevedra utiliza unha normativa municipal propia dende 2011 onde os lombos son máis suaves, con 5 metros de longo e unha pendente do 6% ou 6,5%.



