Esta mañá, concello e Xunta de Galicia fixeron, ante notario, efectiva a transferencia dos terreos aos Sergas para comezar, canto antes, a posta en marcha do necesario e demandado centro de saúde para o concello de Soutomaior.
Dende o Goberno Local teñen claro, dende que tomaron posesión hai case dous anos, que o novo centro de saúde é unha prioridade para o concello de Soutomaior.
Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a directora recursos económicos do Sergas, Amparo Pousada e a xefa do servizo de patrimonio do Sergas, Mercedes Carracedo, asinaron, ante notario en Santiago, a recepción dos terreos para o novo centro de saúde de Soutomaior á Xunta de Galicia.
Trátase dun proxecto estratéxico, clave e prioritario para o concello de Soutomaior. Por este motivo dende o Goberno Local pide á Xunta de Galicia que se inicie a contratación do novo centro de saúde canto antes tal e como se lle trasladou ao Goberno Local.
O alcalde, Manu Lourenzo, valora de xeito positivo os acordos entre institución, neste caso, co Sergas, que reverterá en beneficio de toda a cidadanía. Sendo conscientes de que a situación sanitaria no concello é insostible. Por iso o alcalde pedíu hoxe “celeridade e que se cumpran os prazos xa que este centro de saúde e o persoal sanitario son máis que necesarios para garantir que a veciñanza teña a sanidade pública que merece”.
Lourenzo tamén dixo nesta xornada que “dende o Goberno Local non aforraremos esforzos en facer que este centro de saúde sexa unha realidade canto antes”. Manu Lourenzo engadiu que “queda traballo por diante, pero tras esta recepción dos terreos estamos un paso máis cerca de que se mellore a atención sanitaria no noso concello. Agora toca actuar con responsabilidade e estar atentos a que se cumpran os compromisos coa veciñanza de Soutomaior, que é o prioritario”.