Concurso de Slogans para as bolsas do comercio local

adminON
Lectura mínima de 2
  • A transversalidade da iniciativa promove o uso da lingua galega, a sensibilización medio ambiental e a interacción da cidadanía
  • As propostas deben ser entregadas no departamento de lingua antes do 30 de xuño

Facer vila xuntos, promover a creatividade, visibilizar o comercio local e establecer apoios entre cidadanía e tecido comercial son algúns dos obxectivos que hai detrás do I Concurso de Slogans aberto a toda a cidadanía.

O concello de Ponteareas a través da concellería de Comercio convida a participar neste primeiro concurso que procura un slogan atractivo para imprimir nas bolsas reutilizables que o Concello distribuirá entre o comercio local.

As persoas interesadas deberán enviar as súas propostas, máximo de dúas, ao enderezo electrónico lingua@ponteareas.gal. O prazo para enviar os slogans remata o 30 de xuño ás 23:59 horas. Para esta actividade transversal que tamén dinamiza o uso da lingua galega, o xurado valorará o dominio do idioma e que o slogan represente ao comercio local, entre outros aspectos. A persoa gañadora recibirá un diploma e un lote de libros en lingua galega valorado en 50€.

A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Comercio, Ricardo González salientan a importancia de promover a implicación de todos os sectores da sociedade “e conectar ás persoas para que xuntas xeremos progreso, unidade e unha vila máis fermosa e amable”.

Agora, con esta iniciativa multidisciplinar preténdese xerar conciencia medio ambiental con bolsas reutilizables, promover a lingua galega nas artes, na empresa, comercio e no día a día das persoas e fomentar a interacción entre a cidadanía xerando orgullo de pertenza.

Comparte este artigo