Os xardíns do Gran Hotel acollerán o espectáculo “Consiertasso na horta” de Brais das Hortas ás 20:15 horas e o concerto da Banda da Loba ás 22:00 horas, no marco da II Festa da Temporada
A Deputación de Pontevedra enche Mondariz-Balneario de cultura este sábado 13 de setembro a través do espectáculo “Consiertasso na horta” de Brais das Hortas e dun concerto da Banda da Loba, enmarcados nos programas provinciais +Escénicas e +Música. Ambas actuacións terán lugar nos xardíns do Gran Hotel as 20:15 horas e 22:00 horas, respectivamente, no marco da II edición da Festa da Temporada.
Brais das Hortas é músico, clown e narrador oral. Como músico toca en Blues do País e Sacha na Horta, como clown participa en dous espectáculos con Peter Punk Pallaso e como narrador oral leva máis dunha década na Tropa de Trapo con Marta Ortiz. En Mondariz-Balneario representará o seu espectáculo para todos os públicos “Consiertasso na Horta”, no que mestura música e humor con letras e arranxos coidados para sementar risas e ganas de cantar.
Pola súa banda, A Banda da Loba está a regresar aos escenarios con forza para presentar o seu novo traballo “Lovismo”. Sen abandonar o seu característico estilo caleidoscópico, fala dos diferentes tipos de amor a través da bachata, do pop ou da música disco, sen deixar de lado a inspiración literaria que sempre reivindica. A banda actualmente está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra).
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra. Pola súa banda, o concerto da Banda da Loba é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.