- O goberno municipal deixa clara que a nova instalación deportiva permitirá adestramentos os 365 días, potenciará a base atlética e ofrecerá espazo para outras disciplinas e actividades familiares
O Concello de Ponteareas garantiza a execución dun módulo de atletismo cuberto tras a reunión mantida co presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín, así como cos distintos clubs deportivos de atletismo.
Esta infraestrutura, pioneira na comarca, responde á demanda existente na comunidade e permitirá a práctica do atletismo durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.
Un proxecto estratéxico para o deporte en Ponteareas
A alcaldesa, Nava Castro, destaca que esta decisión tomouse con base ao asesoramento experto da Federación e ao potencial desta nova instalación para fortalecer o atletismo local. “Tiñamos uns terreos dispoñibles con uso deportivo no Plan Xeral e a oportunidade de acceder ao plan extraordinario da Deputación que se tiña que presentar nun mes. Non podíamos deixar pasar esta ocasión para dotar Ponteareas dun equipamento inexistente e necesario”, subliña a rexedora.
Xunto co tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, a alcaldesa recalca que a aposta polo atletismo responde a unha visión estratéxica: “A climatoloxía galega fai que unha pista descuberta teña un aproveitamento moi limitado, como ocorre noutras instalacións da comunidade. Unha pista cuberta garante adestramentos e formación deportiva os 365 días do ano, evitando que quede en desuso durante meses”.
O Concelleiro de deportes Luis Rodríguez aclara que será un espazo polivalente para deporte base e lecer e que a nova infraestrutura incluirá tamén espazo para a modalidade de tiro deportivo cuberto e zonas de recreo para familias, ademais de vestiarios adaptados ás necesidades das e dos deportistas.
O goberno municipal mantén a man tendida para garantir a mellor xestión deste novo equipamento e reafirma o seu compromiso de seguir traballando co tecido deportivo local e deixa clara a súa aposta polo deporte base e a creación dun área deportiva nesta primeira fase.
Ademais, lamenta que algúns sectores politicen a posta en marcha dun servizo que nunca antes existíu nin en Ponteareas nin na comarca, cando outras veces defenderon instalacións cubertas para garantir o acceso ao deporte todo o ano.