HomeTabeirósCerdedo - CotobadeConsternación en Cerdedo-Cotobade polo falecemento de Manuel Antas Fraga, empresario e filántropo...

Consternación en Cerdedo-Cotobade polo falecemento de Manuel Antas Fraga, empresario e filántropo de Valongo afincado en Salvador de Bahía

- Anuncio -spot_img

• Cubela destacou o enorme compromiso social co seu pobo, a preocupación constante por Valongo e todo o municipio e a súa gran aportación á súa parroquia e á Festa da Filloa

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, trasladoulle á familia do empresario galego afincado en Salvador de Bahía (Brasil) Manuel Antas Fraga as condolencias en nome da Corporación Municipal polo seu falecemento á idade de 90 anos.

Cubela salientou o enorme compromiso que tiña este empresario oriundo de Valongo que sempre amosou unha grande preocupación e compromiso coa súa parroquia natal como filántropo e tamén apoiando a celebración da Festa da Filloa.

Manuel Antas Fraga foi un destacado membro da colectividade, xa que presidiu en varias ocasións os Consellos Deliberativos da Real Sociedade Espanhola de Beneficiencia e directivo da Sociedade Cultural Cabaleiros de Santiago. Ademais, foi membro do Consello de Residentes Españois (CRE) e do Consello Xeral da Emigración, actualmente Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, así como membro do Consello de Comunidades Galegas.

Antas Fraga naceu en Cotobade o 23 de setembro de 1932 no seo dunha familia campesiña. Tras a morte do seu pai e cando tiña 14 anos foise a Brasil onde xa vivía un tío seu. Ao chegar a Salvador de Bahía comezou a traballar no almacén de ultramarinos do seu familiar.

Pouco despois comezou a estudar nunha escola de noite e a forxarse un futuro na súa cidade de acollida sen esquecerse nunca de Galicia, onde acudía con regularidade e onde durante moitos anos organizou unha comida de confraternidade á que acudían un centenar de emigrantes que estaban a pasar as súas vacacións en Galicia, así como autoridades de diferentes partidos políticos.

Durante a súa vida recibiu numerosos recoñecementos como a Medalla de Galicia en 1999, ou o recoñecemento como Fillo Predilecto do antigo concello de Cotobade en 2009. Alén do Atlántico recibiu o título de “Cidadán da Cidade de Salvador” entregado pola Cámara Municipal de Salvador de Bahía.

Publicacións Relacionadas