- Guille Juncal reclama arranxar os persistentes problemas de acceso ás instalacións municipais, as carencias en materia de iluminación e os problemas de drenaxe inundacións e pequenos charcos por todo o terreo de xogo
- O edil popular asegura que o campo de fútbol de Salcedo é “unha nova mostra da falta de planificación deportiva do Concello de Pontevedra, da chapuza da súa política deportiva e do escaso interese que o Goberno local e o BNG amosan polo deporte local”
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Guille Juncal visitou o novo campo de fútbol de Salcedo para esixir ao Goberno local do BNG, especialmente ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e á concelleira de Deportes, Anabel Gulías, que cumpran todos os compromisos adquiridos no seu momento cos deportistas para que adestren en óptimas condicións.
Juncal denunciou as numerosas deficiencias que os responsables nacionalistas continúan a ignorar de maneira sistemática, comezando polos atrasos acumulados na execución e inauguración das instalacións deportivas municipais, os persistentes problemas de acceso que dificultan notablemente a entrada e saída do recinto, as carencias en materia de iluminación e os recentes problemas de drenaxe detectados no terreo de xogo.
“Falamos de fallos especialmente graves se temos en conta que se trata dun campo municipal inaugurado hai apenas uns meses e que xa presenta pequenas inundacións e charcos por todo o terreo de xogo”, engadiu.
O edil do PP de Pontevedra asegurou que o campo de fútbol de Salcedo é “unha nova mostra da falta de planificación deportiva do Concello de Pontevedra, da chapuza da súa política deportiva e do escaso interese que o Goberno local e o BNG amosan polo deporte local”.



