As actividades que empezaron o 26 de xuño coa instalación da Exposición “Punto e Seguido”, continúan ata o 10 de xullo
As actividades que iniciaron o 26 de xuño, te das que o domingo 2 tivo lugar a gran cita deportiva “carreira e andaina polo dano cerebral” continúan ata o 10 de xullo. A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e a Asociación SARELA, en colaboración co Concello de Lalín organizan este Ciclo de Actividades de Sensibilización e Visibilización do dano cerebral adquirido.
As actividades programadas continuarán desenvolvéndose esta semana nos seguintes horarios e localizacións:
- Exposición ‘Punto e Seguido, a vida despois do dano cerebral’, unha mostra fotográfica e audiovisual que pretende acercar á cidadanía o traballo realizado polas entidades de dano cerebral de Galicia, así como a posibilidade de refacer os proxectos de vida das persoas e familias con dano cerebral, despois de que se produce o mesmo. Dende o 26 de xuño ata o 10 de xullo estará exposta no Auditorio Municipal de Lalín para que todas as persoas interesadas en visitala podan achegarse.
- O martes 4 de xullo ás 17:00 hh terá lugar no Salón de Actos da Biblioteca de Lalín, a Sesión informativa sobre o dano cerebral, facilitada polas profesionais da asociación Sarela dirixida a toda a poboación, facendo especial atención ás persoas maiores de 50 anos. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no 681 301 958 ou no 986 780 014.
- O xoves 6 de xullo ás 19:00 hh, no Salón de Actos da Biblioteca de Lalín, celebrarase o Cinefórum “Visións sobre o Dano Cerebral Adquirido no Cinema”. Realizarase un coloquio con profesionais especializadas logo da proxección da película “Háblame de ti”, que nos trae a historia de Alain, un respectado home de negocios e excelente orador, que sufre un ictus con importantes secuelas na fala e na memoria, o que lle obriga a reorganizar o seu proxecto vital e profesional. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no 681 301 958 ou no 986 780 014.
- Obradoiro ‘Os Bolechas’, realizarase para os nenos e nenas asistentes ao campamento organizado para rapaces de entre 3 e 6 anos na casa da Xuventude de Lalín, un obradoiro sobre o libro “Os Bolechas: Mireia conta que é o dano cerebral adquirido” o mércores 5 de xullo.
Estas actividades dan continuidade á gran cita deportiva que tivo lugar onte 2 de xullo en Lalín, a II Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, que percorreu o trazado do paseo fluvial Pontiñas, tanto para as diferentes modalidades da carreira como na andaina, e contou con unha participación de 220 persoas que contribuíron a visibilizar o DCA e sensibilizar sobre as necesidades de atención e dotación de recursos de atención que este colectivo ten.
A proba desenvolveuse nun agradable ambiente deportivo, festivo e solidario, comezando ás 10h coa saída das categorías absolutas 10k e 5k, así como da Sub16.
Pouco despois das once e cuarto procedeuse á entrega de trofeos ás persoas gañadoras, cerimonia de premiación que foi dirixida polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, e encargáronse de realizar a entrega, Amado López, veciño de Lalín e socio da Asociación de Dano Cerebral SARELA; Rocío García, directora da Asociación de Dano Cerebral SARELA; Xosé Crespo, alcalde de Lalín; Agustín Reguera, Delegado da Xunta en Pontevedra; e Laura Abeledo, secretaria da Xunta Directiva de FEGADACE.
As e os atletas que subiron aos diferentes podiums, por posto gañador, foron:
Na categoría 10k masculina: Ismael Lago, Rubén Vicente e Óscar Fernández; na 10k femenina: Silvia Fernández, Belén Varela e Andrea Vázquez.
Na categoría 5k masculina: Miguel Anxo Nogueira, Iván Fontán e Marcos Otero; na 5k femenina: Vanesa Insaurralde, Paula Vázquez e M. Isabel López.
Na sub16 masculina: Daniel Dafonte e Breogán Fernández. Non se contou con corredoras na sub16.
E trala entrega de trofeos e entre aplausos saíu a segunda proba: a andaina solidaria. O mesmo circuíto de case sete quilómetros asistiu á camiñada de 121 persoas de todas as idades que camiñaron “polo Dano Cerebral” a carón do Pontiñas.
O tecido empresarial de Lalín, Comarca do Deza, Arzúa e Chantada, mostraron o seu carácter comprometido e responsable socialmente, apoiando esta actividade de diferentes maneiras. Por iso, FEGADACE mostra o seu agradecemento e recoñecemento público ás empresas patrocinadoras: Inasus, Metaldeza, O Muiño de Cuiña, Mejuto Termodinámica Automática, GSI Dotación Industrial, Grupo Vilariño, Taboada y Ramos, Tecglass, Clínica Deza, Centro Move, Autocares Meijide, Autocares Rias Baixas, Vegalsa Eroski, Kalekoi Lácteos, Galletas Daveiga, Florentino, Toldos Gómez e Recycling Lalín
A programación destas actividades enmarcase no convenio de colaboración vixente entre FEGADACE e o Concello de Lalín e conta con financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.