O Concello de Oia dá continuidade á tramitación das constitucións das comunidades de regantes do Folón e Refoxos, avanzando nos trámites iniciados tras a primeira reunión técnica celebrada hai aproximadamente un mes. Así, o próximo luns día 30 de xuño celebraranse na Abadía de Loureza as respectivas xuntas xerais ordinarias, nas que se darán os primeiros pasos para a súa constitución dentro da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Ás reunións asistirán os técnicos encargados de facer as tramitacións.
A xunta de regantes do Folón está convocada para as 19.30 horas en primeira convocatoria e ás 20.00 horas en segunda; mentres que a de Refoxos se celebrará ás 20.30 horas en primeira convocatoria e ás 21.00 horas en segunda.
As comunidades de regantes son clave no desenvolvemento e xestión eficiente dos recursos hídricos locais, sendo obrigatorias por lei para os usuarios de auga e outros bens do dominio público hidráulico dunha mesma toma ou concesión. Neste contexto, as reunións convocadas para o luns resultan fundamentais, pois suporán os primeiros pasos para a constitución legal das comunidades de Refoxos e O Folón, situadas ambas na parroquia de Loureza.
Segundo figura na orde do día das respectivas reunións, no encontro farase unha relación e inventariado de regantes e nomearanse os membros para a constitución da Xunta Directiva e Xurado. Tamén se abordará a tramitación da solicitude de CIF en Hacienda e o encargo e redacción de estatutos, entre outros puntos de interese.
Desde o Concello lémbrase aos regantes que poden entregar na Casa Consistorial a documentación relativa ás fincas catastrais de regadío. Así mesmo, facilitarase a recollida da antedita documentación no caso daquelas persoas que, por calquera motivo, non poidan desprazarse; coa fin de remitirlla á empresa encargada da súa tramitación.