A OMIX pon en marcha dous novos cursos de costura e educación canina para ofrecer formación práctica e accesible á xuventude. Inscricións xa aberts na web municipal
Aprender, crear e compartir tamén é unha forma de medrar. O Concello continúa apostando por unha mocidade activa, participativa e con inquietudes a través de novas propostas formativas impulsadas pola OMIX de Tomiño pensadas para ofrecer á xuventude ferramentas útiles e espazos de aprendizaxe accesible e práctica.
Así, a mocidade poderá participar no obradoiro de elaboración dunha bolsiña acolchada, un taller de 3,5 horas que permitirá ás persoas participantes confeccionar a súa propia bolsa acolchada no tamaño desexado, con forro e guata. Trátase dunha actividade de dificultade baixa, pensada tanto para iniciarse na costura como para perfeccionar habilidades, na que todo o material está incluído no prezo, agás a máquina de coser, requisito necesario para a inscrición. Terá lugar o venres 10 de abril, de 18.00 a 21.30 horas nas instalacións da OMIX de Tomiño, cun custo de 10 euros. As inscricións xa están abertas na web municipal.
Por outra banda, tamén se impartirá un curso de educación canina que se desenvolverá ao longo de 10 horas repartidas nos días 11, 18 e 25 de abril e 2 e 9 de maio de 11.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro de Goián. Nesta formación abordaranse cuestións como as necesidades básicas dos animais, o uso de materiais adecuados, o xogo estruturado, o autocontrol, a chamada, a permanencia ou o paseo con correa. Haberá prazas ilimitadas para oíntes a un prezo de 15 euros. Inscricións xa dispoñibles na web do Concello.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estes cursos son un reflexo da mocidade activa que temos no noso concello, con ganas de aprender, de crear e de implicarse en actividades que melloran o seu día a día”. A rexedora subliñou tamén a importancia de ofrecer dende o Concello propostas diversas “que respondan aos intereses da nosa xente nova, combinando formación práctica con espazos de encontro e participación. Apostamos por unha mocidade con ferramentas, con autonomía e con oportunidades para desenvolver as súas inquedanzas”.



