• Lara Meneses advirte de que a ruína provocada polo BNG é causal e non casual.
A presidenta da xestora do PP de Tomiño, Lara Meneses, advirte da situación actual: “O proxecto estrela no programa electoral do BNG, a biblioteca municipal, motivo de innumerables promesas e vangloriado durante tantos anos está detido actualmente, e non hai luz ao final do túnel. O goberno municipal encadea unha modificación de crédito tras outra para tratar de sacar adiante todas as frontes abertas este último ano, que coincide casualmente, coas eleccións municipais”.
Afirma o Partido Popular que o resultado é a “crónica dunha morte anunciada” cun desenlace nefasto; endebedamento veciñal, incapacidade para completar as obras por falta de orzamento e as arcas públicas desposuídas de calquera tipo de reserva para afrontar circunstancias excepcionais.
En palabras da representante dos populares “a mala xestión económica e a irresponsabilidade política apropiáronse do goberno do noso municipio e as previsións non son nada boas con respecto ao pago de facturas municipais. Pronto nos subirán os impostos indiscriminadamente, como fixeron sempre”.
O partido destaca a ardua tarefa que están a desempeñar na oposición, co fin de evitar que o Bloque Nacionalista prosiga implacable empregando os recursos con fins arbitrarios e partidistas.
“Hai que poñerlle fin á actual situación de sinvergonzonería política para que volva liderar a sensatez e a orde en Tomiño. Urxe pararlle os pés a un goberno cínico que campa ás súas anchas polo pobo pisando os intereses de todos os veciños, co fin de que non hipotequen aínda máis, se cabe, o noso futuro”, conclúen.



