En tempos de Covid-19, o alcalde de Cerdedo-Cotobade abre a xestión municipal á participación veciñal como esforzo colectivo para achegar os mellores proxectos para beneficio da veciñanza
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ultima os orzamentos municipais que levará á súa aprobación no vindeiro Pleno previa apertura dunha canle de participación da veciñanza a través da posta en servizo dun correo electrónico específico para recibir propostas e suxestións de cara a estas contas municipais. O rexedor mantén tamén a man tendida a incorporar propostas serias e realistas dos outros grupos municipais, como xa fixo no pasado orzamento, que permitiu a abstención na votación do BNG.
Ante a imposibilidade de facer xuntanzas veciñais por lugares, por mor da pandemia da Covid-19, e co fin de enriquecer con aportación dos veciños e veciñas os orzamentos municipais, Jorge Cubela habilitou o correo administracion@cerdedo-cotobade.gal para que calquera veciño, asociación ou colectivo poida achegar propostas e suxestións para que as contas municipais gocen do maior apoio e participación social posible.
INVITACIÓN A ASOCIACIÓNS, COLECTIVOS SOCIAIS E PERSOAS A NIVEL INDIVIDUAL PARA QUE FAGAN A SÚA APORTACIÓN AOS ORZAMENTOS
“A nós gústanos facer pedagoxía desde a administración pública e cando se fala da gobernanza e da implicación dos veciños na xestión municipal, hai que deixarse de politiqueos e abrir os recursos dos que se dispoñen á participación da veciñanza. Nós, pese ás limitacións que nos impón a pandemia da Covid-19, queremos que a nosa xente se implique en axudarnos a deseñar o futuro do noso, do seu, Concello. E ímolo facer dun xeito activo e comprometido coa xente por eso abrimos esta canle de contacto directo coa veciñanza a través do correo electrónico para recibir propostas, iniciativas, suxestións, etc. sempre en plan construtivo que iremos incorporando todas aquelas cuestións de interese xeral para o pobo ás contas municipais para o ano 2021 que levaremos a aprobación
da Corporación no vindeiro Pleno”, indicou Cubela.
Para levar a cabo esta iniciativa de participación veciñal, Jorge Cubela fará unha invitación pública a asociacións de veciños, comunidades de montes, asociacións culturais e deportivas, colectivos sociais, ANPAs e veciños en xeral para que se animen a presentar iniciativas, propostas e suxestións que contribúan a que Cerdedo-Cotobade sexa o Concello galego máis aberto, transparente e democrático fomentando a cogobernanza co veciño e obtendo, como resultado, os mellores orzamentos para o ano 2021 grazas ao debate sosegado e ás aportacións do conxunto da sociedade a través do tecido social e a aportación individual dos seus membros.