HomeTabeirósCerdedo - CotobadeCubela celebra que tras o proceso de fusión e un ano de...

Cubela celebra que tras o proceso de fusión e un ano de xestións se garanta a permanencia do cuartel de Cerdedo e se extenda a súa actuación a Cotobade e a todo o termo municipal

- Anuncio -spot_img

• O alcalde salientou que tras o proceso de unificación entre concellos non so se consolidan servizos para a veciñanza senón que se extenden outros, como o de seguridade cidadá para o conxunto da poboación

O equipo de Goberno do Concello de Cerdedo-Cotobade valorou moi positivamente a decisión de consolidar o cuartel da Garda Civil de Cerdedo con novos efectivos e a ampliación xurisdiccional ata Cotobade e todo o termo municipal.

O alcalde, Jorge Cubela, compareceu ante os medios de comunicación acompañado de varios membros do seu equipo de goberno para celebrar que tras un proceso de fusión e máis dun ano de xestións políticas a consolidación do cuartel da Garda Civil de Cerdedo é xa unha realidade inamobible que permitirá ampliar servizos de seguridade cidadá ao resto do municipio ao pasar a dotación dese posto de dous efectivos a contar cun sarxento, un cabo e catro gardas civís.

“Desde hai máis dun ano que viñamos reclamando que o cuartel de Cerdedo fora reforzado con máis efectivos xa que tiña unha atención ao público prácticamente inexistente e os veciños tiñan que acudir a outras instalacións da Garda Civil noutros concellos mesmo para presentar calquera denuncia.

Todo esto facíanos crer que o Goberno estaría pensando no seu desmantelamento. Pero lonxe de resignarnos utilizamos a negociación política, a presión e o respecto institucional para revertir esta situación. Así, acordamos por unanimidade de tódolos membros da Corporación Municipal defender unidos a permanencia do cuartel de Cerdedo e que ampliara o seu servizo tamén a Cotobade e a todo o termo municipal”, explicou Jorge Cubela.

“Os resultados das xestións están aí. O éxito desta nova situación débese á presión, á negociación e mesmo ao proceso de fusión que puxo de relevancia o feito de que unha das súas razóns era o mantemento dos servizos á veciñanza e mesmo a súa ampliación como no caso da seguridade cidadá que
ofrecía o cuartel de Cerdedo e que agora se amplía tamén a Cotobade e a todo o termo municipal. Deste xeito aténdese unha reivindicación xusta que redundará con éxito e beneficiará dun xeito claro e por igual a tódolos veciños que saen certamente favorecidos con esta solución”, indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.

Cubela lembrou o varapao que significou a perda do cuartel de San Xurxo de Sacos, a mediados da década dos 80, pasando a depender da Comandancia de Pontevedra os labores de vixiancia que “aínda que non temos queixa da profesionalidade e do labor realizado polos axentes da Benemérita desde a capital facía falta unha maior proximidade sobre o terreo, sinal de identidade da propia Garda Civil”.

O CUARTEL PASARÁ A CHAMARSE POSTO DA GARDA CIVIL DE CERDEDOCOTOBADE
Para Cubela agora, con esta nova reorganización, non só se garante a continuidade do cuartel de Cerdedo senón que incluso refórzase con máis efectivos e se consolida baixo o nome de “Posto da Garda Civil de CerdedoCotobade” ampliando a súa área de actuación a todo o termo municipal e a
atender as necesidades en materia de seguridade cidadá duns 6.000 habitantes polo que o alcalde considera que “este cuartel se alonxaría dos debates sobre posibles supresións de efectivos e acuartelamentos no rural e consolidaría a súa función e atención á veciñanza”.

Finalmente, Cubela defendeu como un éxito da fusión esta decisión xa que respalda unha das razóns fundamentais empregadas para iniciar o proceso de unión no seu día como era non so consolidar servizos á veciñanza senón aumentar e levar aqueles que se precisaban onde non os había ou non chegaban. “Agora garántese tamén a igualdade efectiva entre tódolos nosos veciños que contarán en todo o termo municipal cun mesmo servizos de
seguridade cidadá centrado non so en Cerdedo senón que se amplía a Cotobade e a todos os lugares e aldeas do municipio”.

Publicacións Relacionadas