• O Concello de Cerdedo-Cotobade colaborará cos veciños en facilitar o tránsito dunha grúa de gran tonelaxe pola pista de acceso á torre
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e o concelleiro Bruno Portela coodinaron cos directivos da Comunidade de Montes de Borela e unha empresa que teñen contrada o operativo que se levará a cabo a semana que vén para ensamblar a torre que albergará a antena de Movistar que porá fin ao aillamento telefónico da parroquia de Borela.
As boas previsións metereolóxicas para a semana que vén permitirán poñer en marcha un amplo operativo coordinado desde o Concello para favorecer o acceso dunha grúa de gran tonelaxe ao monte onde se ubica a torre que albergará a antena de Movistar para subministrar a cobertura suficiente a toda a parroquia de Borela e poñer fin aos graves e continuos problemas da telefonía móbil nesta zona.
No pasado mes de outubro lográrase chegar cun camión formigoneira para preparar a base da torre onde irá suxeito o primeiro tramo da mesma, pero as continuas choivas impediron o acceso dunha grúa de gran tonelaxe para completar a ensamblaxe dos dous tramos desta infraestrutura de comunicacións.
A intención do Concello é colaborar con medios propios para que na vindeira semana se poida facer un operativo a base de colocar cachotes de pedra que favorezan o agarre das rodas do camión-grúa e poida acceder ata o lugar onde se atopan os dous tramos da torre depositados no chan e poidan erguelos e ensamblalos coa base onde está a cimentación.
Esta manobra farase con toda probabilidade a semana que vén toda vez que as previsións metereolóxicas apuntan a unha melloría substancial no tempo xa que cesarán as persistentes choivas que ao longo destes meses fixeron aparición e complicaron o acceso ao monte pola humidade e o rebrandecemento do terreo por onde debe subir a grúa de gran tonelaxe.
Cubela manifestou o desexo do Concello de colaborar coa Comunidade de Montes de Borela e coa propia empresa que traerá a grúa para darlle unha solución de cobertura móbil á veciñanza dunha vez por todas e se poida rematar cun operativo co que se pretende poñer fin a anos de aillamento tecnolóxico nesta parroquia.



