Cubela lembroulle aos edís do PsdeG-PSOE que fronte a 8 anos do seu goberno sen investir nesa parroquia “agora vén con envexa que se fagan obras históricas e millonarias para os veciños”
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, xustificou o voto en contra do grupo do PPdeG á moción presentada polo PsdeG-PSOE pedindo a creación dun Centro de Día na que será a Residencia de Maiores que se construirá en Carballedo en que “chega tarde, mal e cando xa está todo en marcha. Non vén ao caso cando saben que está todo o peixe vendido e que precisamente a creación dun Centro de Día xustifica de por si a razón de ser da propia Residencia”.
Cubela sinalou con certa perplexidade que lle sorprendía o sentido da moción xa que consideraba que “chega tarde, mal e cando saben que xa está en marcha un proxecto millonario, histórico para Carballedo e no que se contempla desde a súa fase inicial a inclusión dun Centro de Día. Eso de vir agora a querer subirse ao carro dun investimento millonario para os veciños desta parroquia cando en 8 anos que estiveron gobernando non fixeron absolutamente nada parece unha burla para os veciños e veciños de Carballedo”.
O alcalde insistiu en que o Centro de Día forma parte do proxecto inicialmente redactado como un dos elementos determinantes que conformarán a Residencia de Maiores de Carballedo. Ademais lembrou con certo enfado que “vostedes dixeron, cando a fusión e como un dos elementos da súa oposición a este acordo de integración, que renunciábamos á Residencia de Maiores para Carballedo e agora vén que tamén neso mentiron de xeito descarado. A xente dase conta de que todo o que dixeron era mentira e ve como despois de moi pouco tempo transcorrido estanse conseguindo obras millonarias, históricas e que
moitos nin soñaban en poñer en marcha e agora están aí investimentos como o acondicionamento e humanización da Chan, as vivendas sociais no antigo Centro Médico, o Centro de Recuperación de Aves a senda peonil entre Bora e Carballedo e o Centro Cultural e Turístico “Antonio Fraguas” que dan boa conta da nova realidade e do futuro polo que apostamos para o noso concello”.
“Vostedes chegaron tarde con esta moción, non fixeron unha sobra obra en Carballedo nos 8 anos que estiveron gobernando e veñen agora a camuflarse detrás destes proxectos que xa son prácticamente unha realidade para non quedar descolgados e non pasar a vergoña de que a xente os sinale polas rúas como os responsables do atranco e da parálise do municipio durante as dúas lexislaturas que estiveron ao frente do Concello para demostrar a súa verdadeira capacidade de xestión que é ningunha”, indicou o alcalde Jorge Cubela.