HomeTabeirósCerdedo - CotobadeCubela entrega as chaves do Centro Sociocultural de Corredoira aos veciños e...

Cubela entrega as chaves do Centro Sociocultural de Corredoira aos veciños e dilles que “este local foi, é e será sempre dos veciños da parroquia”

- Anuncio -spot_img

• O alcalde salientou o esforzo levado a cabo para recuperar do Estado a propiedade deste inmoble que fora “requisado durante o franquismo e agora volve estar de novo en poder do pobo”

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación, Carlos López Font, membros da Corporación Municipal e a práctica totalidade dos veciños e veciñas que residen na parroquia de Corredoira inauguraron oficialmente as novas instalacións do Centro Sociocultural que o Concello pon a disposición da veciñanza tras ser recuperado do Estado e restaurado a través dun proxecto da arquitecta local María García.

Neste novo Centro Sociocultural o Concello de Cerdedo-Cotobade achegou un investimento duns 150.000 euros, para o cal se contou coa colaboración do Plan Concellos, que foron adicados á rehabilitación e amplicación do edificio existente así como a urbanización do espazo colindante que complementa este lugar de esparcimento veciñal así como as melloras introducidas na execución da actuación que contempla unha churrasqueira, estufa de pellets, mobiliario e equipamento de cociña.

O acto inaugural comezou cunha intervención da arquitecta María García quen explicou os destalles da obra de rehabilitación e acondicionamento da vella edificación para transformala nun edificio moderno e funcional que respecta na súa esencia o sentir e espírito co que foi levantado polos veciños e veciñas de Corredoira nos anos 30 do século pasado.

A continuación tomou a palabra o tenente de alcalde Fernando Vázquez, veciño de Corredoira, quen visiblemente emocionado recordou a súa chegada á parroquia e o traballo que desde o Concello se fixo primeiro para ampliar o campo da festa onde se exaltará os días 17 e 18 de xuño o popular e recoñecido requeixo, para logo centrarse no esforzo continuado e as negociacións realizadas ante o Estado Español para recuperar para os veciños este edificio que fora incautado pola franquismo despois da Guerra Civil.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo da Deputación, Carlos López Font, salientou a importancia do Plan Concellos para dotar orzamentariamente este tipo de iniciativas de recuperación de vellos edificios para uso veciñal e tamén sinalou que a inauguración do novo Centro Sociocultural coincidía no tempo co aniversario da celebración dos primeiros comicios en España en contraposición ao que supuxo o requisamento desta construción polo franquismo.

CUBELA ENTREGOULLE PÚBLICAMENTE AS CHAVES Á ASOCIACIÓN VECIÑAL “PARA QUE O QUE É DOS VECIÑOS SIGA SENDO DOS VECIÑOS”

Finalmente, tomou a palabra o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, quen reivindicou a importancia de que un concello modesto como este invista e destine como neste caso uns 150.000 euros a unha parroquia que non concentra gran cantidade de poboación, pero que sin embargo precisa de dispoñer dunha atención especial para os seus
veciños coa intención de que disfruten dos mesmos servizos que as grandes concentracións poboacionais ou urbanas.

Cubela fixo un percorrido histórico sobre as enormes vicisitudes polas que pasou a vella casa do pobo desde que foi levantada co esforzo e o traballo dos antepasados da parroquia no ano 1933 ata que foi requisada polo goberno de Franco. Tamén relatou as múltiples xestións que se tiveron que levar a cabo desde o Concello ante o Goberno Central para conseguir, finalmemente, a reversión do inmoble aos veciños pola vía da adquisición a través da administración local.

O alcalde agradeceu aos veciños implicados na reivindicación e defensa da titularidade pública e veciñal da edificación e animou á Asociación de Veciños, á quen entregou as chaves, a que lle dean uso e vida ao novo Centro Sociocultural con actividades lúdicas, culturais, festivas e mesmo particulares para que teña o maior uso posible.

UN EDIFICIO MODERNO E FUNCIONAL
O rexedor ao mesmo tempo que facía entrega pública das chaves á directiva da Asociación de Veciños díxolles que “este local que foi requisado durante o franquismo agora volve estar de novo en poder do pobo. Este edificio foi, é e será sempre dos veciños da parroquia. Aquí tedes as chaves para o que é dos veciños siga sendo dos veciños”.

O novo edificio dispón duns 167 metros cadrados útiles distribuídos nun salón de usos múltiples, unha cuberta acristalada, balcón, cociña, asador con churrasqueira e aseos adaptados ademais dun pequeno almacén.

Publicacións Relacionadas