O alcalde amosou o seu compromiso en seguir apostando pola celebración de competicións oficiais no municipio a medida de que as condicións da pandemia poidan facilitar a súa realización
O alcade de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro de Deportes, Bruno Portela, ofrecéronlle unha recepción oficial a Javier Leiro e Mario Martínez, campións galegos de Montaña en Regularidade Sport 80 Km/h Tipo A galardón conseguido durante o pasado ano dentro das probas e campionatos de motor organizadas pola Federación Galega de Automobilismo. Jorge Cubela felicitou a estes dous pilotos da comarca do Verdugo-Oitavén e anovou diante deles o compromiso do Concello de Cerdedo-Cotobade co deporte en xeral e co mundo do motor en particular sinalando que “non se pode entender o mundo das carreiras e das competicións automobilísticas en Galicia sen facer referencia ao noso concello e estamos moi orgullosos de que así sexa e que pilotos, como os que hoxe homenaxeamos, con raíces no noso municipio sigan realizando xestas importantes para incrementar o palmarés nas distintas disciplinas do mundo do motor”. O alcalde fíxolle entrega a estes dous pilotos unha placa conmemorativa da súa xesta deportiva e reiteroulles a felicitación en nome dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade e desexou que pase canto antes a pandemia e as restricións sanitarias dela derivadas para poder volver contemplar canto antes nos viais do municipio probas senlleiras do mundo do motor que teñen na xeografía deste concello un escenario idóneo para seguir atraendo público e promocionando, tamén desde o mundo do motor, a paisaxe e os atractivos turísticos do concello de CerdedoCotobade. Pola súa banda, Javier Leiro, natural da parroquia de Almofrei, agradeceu ao alcalde e ao concelleiro de Deportes a súa amabilidade e compromiso co deporte e o apoio aos veciños e veciñas que practican algunha disciplina deportivas, especialmente como neste caso relacionada co mundo do motor e fixo votos para que máis cedo que tarde volvan as competicións regradas con normalidade ao calendario automobilístico de Galicia e que teñan ao concello de Cerdedo-Cotobade como unha das súas citas obrigadas.



