• En Fentáns analizou coa veciñanza a mellora dun vial que dá servizo de paso a cinco vivendas e polas que non poden pasar as emerxencias
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo esta mañá senllas xuntanzas cos veciños de A Longae de Fentáns para analizar varios investimentos que está previsto que se acometen en breve por parte da administración municipal.
Na xuntanza mantida cos veciños de A Longa, Cubela explicoulles as seguintes fases do proxecto de construción do saneamento, unha vez que xa de fixo a primeira fase no núcleo do Lombo do Muiño.
O alcalde explicoulles que para acometer esta obra, 10 propietarios terán que ceder terreos para deixar pasar os colectores polo que solicitou a máxima colaboración veciñal para que estes traballos se poidan levar a cabo sen nengún contratempo.
Por outra banda, Cubela amosou aos veciños que asistiron á reunión o proxecto valorado co que traballa o Concello de Cerdedo-Cotobade para levar a cabo a mellora do camiño que dá acceso ao núcleo rural de A Longa no que se ten previsto investir uns 75.000 euros para conectar a N541 e a estrada autonómica a Cutián.
Esta obra poderá ser acometida grazas á cesión comprometida polo único propietario afectado polos traballos que se acometerán nas condicións acordadas con el e que o alcalde se comprometeu a respectar.
EN FENTÁNS MELLORARASE UN CAMIÑO DE ACCESO A CINCO VIVENDAS
Posteriormente a esta xuntanza en A Longa, Jorge Cubela desprazouse ata Fentáns onde mantivo outra reunión cos propietarios afectados polo ensanche dun camiño municipal que dá acceso a 5 vivendas sen posibilidade de que entre unha ambulancia ou calquera outro servizo de emerxencias.
O rexedor informou aos presentes que xa contaban, neste momento co 90% das sinaturas de cesión por parte dos propietarios o cal favorecería moito a realización desta obra tan importante para garantir un mellor acceso rodado a este núcleo de vivendas.
Cubela agradeceu aos veciños á súa colaboración a través da cesión dos terreos o que “favorece que poidamos acometer este tipo de obras que, doutro xeito sería moi complicado. Así, acometeremos esta mellora que dá servizo a cinco vivendas e permite que os que alí residen teñan un mellor acceso e protección en caso de que fora necesaria a intervención de algún vehículo de emerxencia”, indicou o alcalde.



