• Pide que o reparto sexa con criterios de poboación e extensión entre todos os concellos de menos de 50 mil habitantes.
• PSOE E BNG votan en contra de reclamar ao Goberno central que non se poña en marcha a subida de impostos nin novos tributos nas autovías.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, cuestiona que o novo plan de investimentos da Deputación de Pontevedra “sexa o impulso e o reforzo que precisa a provincia neste momento, porque no se pode reactivar unha provincia deixando fóra á metade dos seus concellos, que é o que se prevé”.
Foi durante o pleno provincial, no que Cubela recordou que o PP sempre insistiu en que a Deputación debía facer un esforzo extraordinario para dar resposta á situación actual e aos retos que temos por diante como consecuencia da Covid, “un esforzo que non se contemplou nin nos orzamentos provinciais nin no Plan Concellos, e agora que teñen a oportunidade de corrixilo van a provocar un trato desigual entre os concellos da provincia”. Así, puntualizou que dos 47 millóns “que din van a usar para reactivar a provincia, para os concellos van, de novo, menos da metade dos cartos”.
Ademais, pediu que o reparto sexa con criterios de poboación e extensión entre todos os concellos de menos de 50 mil habitantes, e non escondendo “falsa obxectividade baixo o criterio de proxectos maduros para repartilos entre uns poucos”. Ademais, engadiu, “si o Plan Concello é tan bo, porque este plan non se reparte cos mesmos criterios? Estamos de acordo con que se destinen cartos para a provincia, pero non compartimos a forma na que se van repartir”.
Nesta liña, Cubela entende que “non hai cohesión territorial se a metade da provincia non ten dereito a participar neste plan; non hai loita contra o despoboamento se os concellos pequenos, con problemas pola falta de persoal e sen partidas específicas para contratar documentos técnicos, non van ter as solicitudes completas para acadar a máxima puntuación; e non hai igualdade si hai concellos con información previa, cos proxectos listos e ben maduros”.
IMPOSTOS E PEAXES AUTOVÍAS
Durante o pleno provincial, o deputado Alfonso Marnotes defendeu unha moción para reclamar ao Goberno central que non se poña en marcha nin os novos tributos nas autovías nin a subida de impostos “que prexudican notablemente aos galegos e van ter consecuencias terribles para as familias ”, como por exemplo o de sucesións, a eliminación do IVE superreducido en produtos de primeira necesidade, o incremento dos seguros de fogar, decesos ou vehículos, ou o diésel, entre outros.
A pesar de que o deputado propuxo votar por separado os tres acordos da moción en aras de intentar conseguir consenso nalgún deles (anular o incremento dos impostos incluídos nos PGE, non poñer en marcha subidas de impostos e peaxes nas autovías e autoestradas e descartar a eliminación dos beneficios fiscais), PSOE e BNG decidiron votalos xuntos e en contra.
“Queren que se pague na Autovía ao Morrazo, as autovías que unen os polígonos máis importantes de Galicia ou no Salnés? Hai autovías autonómicas moi importantes para a mobilidade das persoas e da mercadorías… Estes peaxes son un ataque claro á provincia, que afecta á economía e reactivación desta provincia”. Por iso, lamentou que non haxa “un apoio claro e contundente dos tres grupos”.



