O alcalde, atendendo a varias chamadas de preocupación de pais e nais de alumnos de Cerdedo, púxose en contacto inmediato con responsables de Educación e Sanidade solicitando a realización estas probas diagnósticas
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, solicitou a primeira hora de hoxe das autoridades educativas e sanitarias a realización urxente dun cribado a través de PCRs no instituto de Forcarei, ante as chamadas recibidas de varios pais e nais de alumnos de Cerdedo que cursan os seus estudios neste centro educativo do concello veciño.
Jorge Cubela considera urxente e fundamental localizar casos asintomáticos entre o alumnado e persoal do centro educativo como unha prioridade na loita activa contra a proliferación de afectados polo coronavirus. Así que, púxose en contacto con responsables da Consellería de Educación e tamén da Consellería de Sanidade co fin de que se actúe
con rapidez ante un problema detectado e que está acadando niveis de preocupación importantes entre a poboación.
Esta petición é coincidente tamén coa dirección do centro educativo que tamén se dirixiu aos responsables da Consellería de Educación co fin de trasladarlles a necesidade de facer este cribado masivo entre o alumnado e o persoal do centro ante a proliferación de casos positivos detectados no Insitituto de Forcarei.
Cubela manifestou que “ante este grave problema sanitario temos que mostrarnos todos unidos e actuar dunha forma rápida e contundente coa inteción de poñerlle coto á extensión dunha pandemia que, na terceira onda, está golpeando de xeito moi especial a toda Galicia. Debemos poñer todo da nosa parte que frenar a expansión do coronavirus e temos que
impulsar desde as administracións non so comportamentos cívicos e responsables da cidadanía senón actuar con rapidez cando as condicións así o demanden”, indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.
O rexedor agarda que a Xunta tome mans no asunto dun xeito inmediato e se poñan en marcha os protocolos previstos polas autoridades sanitarias para facer fronte a unha pandemia que está acadando estes días uns niveis de especial preocupación para o cal pregou á poboación “que se autoconfine o máximo posible, que evite calquer tipo de desprazamento e contacto social innecesario e faga todo o posible por impedir ser vector de
transmisión da enfermidade”.