O alcalde seguirá reclamando para Cerdedo-Cotobade aquelo que en xustiza lle pertenza e non deixará de denunciar calquera trato discriminatorio ou política ineficaz sempre en defensa dos dereitos dos veciños e veciñas deste municipio e da provincia
O alcalde de Cerdedo-Cotobade e voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular da Deputación, Jorge Cubela, saíu ao paso das manifestacións do grupo provincial socialista en redes sociais para reafirmar o seu posicionamente en defensa democrática dos dereitos dos veciños e veciñas da provincia de Pontevedra e especialmente da veciñanza do seu concello.
Jorge Cubela protagonizou unha argumentada intervención no Pleno dos Orzamentos Provincias de onte na Deputación de Pontevedra reclamando o incremento de 7 millóns de euros no Plan Concellos para afrontar investimentos extraordinarios derivados da Covid-19, 3 milóns para gasto social e unha axuda de 10 millóns de euros para hostaleiros, traballadores autónomos e pequenos e medianos empredendores, como fixeron outras
moitas deputacións en España e en Galicia e recibiu como resposta unha “ameaza velada” sobre os investimentos que a Deputación destina ao Concello de Cerdedo-Cotobade dentro do Plan Concellos.
Cubela considera de mal gusto democrático que “fronte ao labor de oposición que exerzo como voceiro do Grupo Provincial do PPdeG na Deputación se saquen as obras que incluímos no noso municipio a través dos cartos que nos corresponden por parte do Plan Concellos. Cos consabidos atrancos, non recibimos do Plan Concellos nin máis nin menos que o que nos pertende como a calquera outro municipio. Pero que queren insinuar con esto, que aumentarán as dificultades e os problemas para materializar eses investimentos que en xustiza nos corresponden? Buscan que nos calemos? Pois que saiban que non será así”.
Cubela manifestou a súa obriga democrática de seguir exercendo de voceiro do PPdeG e reclamando unha política investidora na Deputación a prol dos pequenos e medianos concellos. “Seguirei reclamando para Cerdedo-Cotobade aquelo que en xustiza lle pertenza e non deixarei de denunciar calquera trato discriminatorio ou política ineficaz da
Deputación. Estarei sempre ao fronte da defensa dos dereitos dos veciños e veciñas deste municipio e dos que residen nesta provincia por moitas ameazas veladas que fagan e moitos atrancos que nos poñan como por exemplo na estrada de Almofrei, a EP-0405, licitada e a piques de executarse e os veciños seguen agardando a que a Deputación proceda a realizar a mellora. Ao igual que sucede coa estrada provincial de Fondós a Bugarín que aínda está pendente de rematar. O único que fan con esta actitude e este ataque persoal permanente é recoñecer a miña boa xestión ao fronte do Concello”.
“Nós o que facemos cos cartos que nos asignan do Plan Concellos é administralos do mellor xeito posible, atendendo ás necesidades dos nosos veciños dun xeito eficaz e eficiente o que nos permite sacarlle o maior rendemento social aos cartos que desde a Deputación nos destinan e xestionar ante outros organismos ou mesmo con fondos propios os
recursos necesarios para mellora-la calidade de vida da nosa xente. Ata aí poderían chegar as bromas. Claro que investimos eses cartos e os investimos ben e máis que nos deran, que en xustiza nos pertencen”, concluíu Jorge Cubela.