Cultura en movemento na III Feira do Libro de Segunda Man do Rosal

adminON
Lectura mínima de 4

A Praza do Calvario acolle este sábado 26 unha ampla programación para promover a literatura, o lecer, a economía circular e a implicación das asociacións locais

Hai libros que descansan en silencio nos andeis agardando unha nova oportunidade. Este sábado 26 de abril, O Rosal dálle voz a esas páxinas durmidas coa celebración da terceira edición da Feira do Libro de Segunda Man, unha cita que xa é referente e que volverá encher a Praza do Calvario de cultura, encontros, música e lecturas compartidas.

A feira, organizada polo Concello do Rosal, estará aberta ao público de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 20.30 h e reunirá a numerosas asociacións locais que porán á venda libros procedentes de diferentes doazóns, ofrecendo títulos a prezos accesibles e promovendo así a reutilización, a economía circular e a democratización do acceso á lectura.
“É unha maneira de darlle unha nova vida a libros esquecidos, de seguir construíndo unha cultura sostible e participativa, onde o noso tecido asociativo é coma sempre unha peza fundamental”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Como recalca a rexedora, “non só celebramos o Día do Libro, senón que o facemos dunha maneira que implica á veciñanza, fomenta o consumo responsable e creando comunidade arredor da cultura”.

Este ano, a feira chega cargada de novidades e cunha programación diversa e interxeracional, que combina tradición, creación artística e participación cidadá. “Queremos que cada visitante atope algo que o conecte coa cultura, sexa un libro, unha actuación ou un obradoiro. A feira é xa un punto de encontro para todas as xeracións”, sinala o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, que destaca tamén “a importancia de visibilizar o labor do tecido asociativo e dese traballo silencioso e constante que fan durante todo o ano e que se reflicte na Feira do Libro nun ambiente de festa e colaboración”.

Entre as actividades máis destacadas desta edición atópanse a entrega de premios do I Concurso de Relato Curto do Rosal, co que se recoñece o talento literario local, ou a presentación do libro “O triángulo vermello”, unha biografía emocional de Mercedes Núñez, supervivinte do fascismo, escrita polo seu fillo Pablo Iglesias Núñez e Carme Vidal, con ilustracións de Belén Diz Juncal.

O público tamén poderá desfrutar da exposición pictórica “A fábula animal” da artista rosaleira Esther Moe, que ofrecerá dúas visitas guiadas para coñecer de preto a súa obra en horario de mañá e tarde. Tamén haberá sesión vermú musical con Mediarea ás 13.30 h e dous obradoiros organizados polas asociacións, un de encadernación ás 13.00 h e outro de imprenta de xelatina ás 17.30 h.

Pola tarde, o espectáculo infantil ‘Circo total’ chega ás 18.30 h para divertir ao público máis novo. Ás 19.30 horas será a quenda da intervención teatral de Foco Europa, que representará ‘Todo o que pode pasar de aquí a Vilanova’.
Ademais, tamén haberá un posto de flores para manter viva a tradición de celebrar a xornada agasallando con libros e flores e o público poderá acompañar o día coas propostas gastronómicas de dúas food trucks.
Dende o Concello convídase á veciñanza rosaleira e de toda a comarca a achegarse á Feira do Libro de Segunda Man e vivir unha xornada onde os libros, a música, o teatro e as iniciativas locais serán protagonistas dunha festa que aposta polo coñecemento, a reciclaxe e a convivencia.

Comparte este artigo