• O alcalde, Manuel Campos, pon en valor o traballo dos funcionarios e da interventora municipal, que permite entregar en prazo o documento ao Consello de Contas, algo que nos últimos anos non foi posible ao permanecer vacantes as prazas de Intervención e Secretaría
• O Remanente de Tesourería do pasado exercicio rondou os 450.000 euros
Os votos favorables do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cuntis permitiron aprobar no Pleno ordinario de setembro, celebrado este pasado xoves, a Conta Xeral correspondente ao ano 2023. Tal e como lembrou o alcalde, Manuel Campos, é a primeira vez nos últimos nove anos no que o Concello pode dar o visto bo definitivo a este documento, o que permite presentalo en tempo e forma ante o Consello de Contas nos prazos que establece a normativa vixente. O rexedor lembrou durante a súa intervención que a Administración local estivo moi condicionada nos últimos anos por non contar coas prazas cubertas de Intervención e Secretaría. “Agora que si contamos con estes funcionarios podemos traballar e avanzar dun xeito máis áxil”, explicou, ao tempo que agradeceu e puxo en valor o labor e o esforzo dos funcionarios e da interventora municipal.
Tal e como consta nesta Conta Xeral, o Concello de Cuntis pechou o pasado exercicio cun saldo positivo que ascende a un total de 688.926,47 euros. O documento tamén corrobora que o Remanente de Tesourería do pasado exercicio ascendeu a 442.156,44, incrementándose de forma exponencial con respecto á de anos anteriores.
A aprobación definitva da Conta Xeral contou cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención do BNG e do Partido Popular. A votación realizouse logo de que o documento permanecese en exposición pública o período que establece a lei, sen que se recibisen alegacións en contra. Manuel Campos, ademais de destacar o traballo realizado polo persoal municipal, incidiu tamén en que “o Goberno local está a traballar na senda correcta e os datos que se recollen nos informes técnicos desta Conta Xeral así o reflicten”, lembrando, ademais, que, a pesar das dificultades que provou o feito de non poder contar con persoal en Intervención e Secretaría durante varios anos, “continuamos traballando con responsabilidade. Agora contamos coa capacidade técnica que antes non tiñamos ao cubrírense esas prazas, polas que loitamos durante moito tempo”, sinalou. Campos Velay lembra, ademais, que esta situación non impediu que o Concello continuase ofrecendo e garantindo servizos “de primeira necesidade para a nosa veciñanza”, con mención especial á conciliación, a través do Cuntulín, que se ofrece de xeito gratuíto, sendo un dos poucos concellos da provincia de Pontevedra que facilitan esta prestación de balde.
Por outra banda, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a adhesión de Cuntis ao convenio para a prestación de servizos de Atención Temperá, cunha vixencia que irá desde o vindeiro mes de novembro ata outubro de 2026. No devandito convenio tamén figuran outros concellos da contorna como son Barro, Caldas de Reis, Catoira, Moraña e Portas. Esta prestación, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, inclúe diferentes intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

