• Esta contía, aprobada grazas aos votos a favor do PSdeG-PSOE e coa abstención do Partido Popular e do BNG, supón un incremento do 153% con respecto ás axudas que se daban en 2015
• O alcalde, Manuel Campos, destaca o labor fundamental que desenvolven estas entidades culturais, lúdicas e deportivas para dinamizar a actividade na vila
O Pleno ordinario celebrado este pasado luns, 13 de maio, serviu para aprobar, grazas aos votos a favor do grupo municipal do PSdeG-PSOE, o montante de axudas nominativas, correspondentes á anualidade de 2024, que o Concello de Cuntis repartirá entre un total de 14 asociacións e entidades locais. O Partido Popular e o BNG abstivéronse á hora de votar no que foi un dos puntos máis relevantes da sesión plenaria. O Goberno local aposta polo reparto de 97.500 euros para garantir e facilitar que estas agrupacións, clus e colectivos “continúen desenvolvendo ese labor tan importante que realizan, á hora de dinamizar a actividade no noso concello, ofrecendo á cidadanía todo tipo de ofertas lúdicas, deportivas e formativas”, sinalou o alcalde, Manuel Campos. Proba do compromiso que ten o Concello co tecido asociativo local é o feito de que, desde a chegada do actual grupo de Goberno á Alcaldía no ano 2015, esta dotación de subvencións incrementouse nun 153%. Tal e como recordou o rexedor cuntiense, no ano 2015 só había sete asociacións que recibían este tipo de axudas, polas 14 actuais, e a contía total foi de 38.540 euros. As cifras foron incrementándose de xeito paulatino, ata chegar aos 97.500 euros de 2024, a segunda cifra máis alta da última década e que supón un incremento de case un 3% con respecto ás anteriores. “Sen contar as partidas do exercicio actual, o investimento total realizado polo Concello desde que chegamos ao Goberno é de preto de 500.000 euros”, puntualizou Campos.
Dentro deste reparto, a Escudería Cuntis e a Fundación Castrolandín contarán con 14.000 euros, respectivamente, neste exercicio. No caso da Fundación, o alcalde Campos Velay lembrou que desde a chegada do PSOE á Alcaldía xa de destinaron a esta entidade máis de 600.000 euros. “Só en traballos de acondicionamento el impeza a contía supera os 35.000 euros”, recordou Manuel Campos. Co respecto ao resto de subvencións, o Club de Montaña Xesteiras e o Atlético Cuntis Fútbol Club recibirán 12.000 euros; o Club Atletismo Cuntis 9.000 euros; a Asociación Festival A Revolta do Umia contará con 8.500 euros; o Club Baloncesto Cuntis con 7.000 euros, a Asociación Río Gallo recibirá 6.000 euros e a Agrupación de Baile e Música Tradicional de Cuntis obterá unha achega de 5.000 euros. O listado complétase coa Escola Artística de Cuntis (3.000 euros), a Asociación Hai que Roelo (2.000 euros), a Belle Epoque (2.000 euros), o Cuntis Veteranos (2.000 euros) e a Asociación de Comerciantes de Cuntis (1.000 euros).
Por outra banda, na sesión plenaria deste luns tamén se aprobou a nova ordenanza fiscal reguladora para o Servizo Municipal de Emerxencias. Este regulamento establece unha serie de taxas, en función da prestación que leven a cabo os e as profesionais que forman parte deste corpo de seguridade, e que tamén variarán tendo en conta o número de efectivos, a duración da actuación ou o material empregado, entre outros factores. Unha vez acadada esta aprobación inicial, que se obtivo grazas aos votos favorables dos integrantes do equipo de Goberno e a abstención da oposición, abrirase un período de 30 días hábiles para a presentación de alegacións. No caso de que nese prazo non se rexistre ningunha alegación quedará aprobada de xeito definitivo.