Cuntis avanza na posta a punto do Plan de Turtismo Termal

adminON
Lectura mínima de 4

O alcalde, Manuel Campos, estivo presente na reunión de traballo,  convocada ao abeiro da Red de Villas Termales, na que participaron  técnicos municipais e representantes de colectivos e negocios  vencellados ao sector das augas termais 

O obxectivo é consolidar un plan de acción, implementación e  formación do turismo termal, un eido no que a vila é un referente  nacional e no que aspira a continuar consolidándose 

A Casa da Cultura Roberto Blanco Torres acolleu  o pasado martes unha reunión de traballo, convocada polo Concello de Cuntis  ao abeiro da Red de Villas Termales da Federación Española de Municipios y  Provincias (FEMP), co obxectivo de avanzar na elaboración dun plan de acción,  implementación e formación do turismo termal. Esta é unha iniciativa que se  enmarca dentro do Plan de Recuperación, Transición y Resiliencia (PRTR),  impulsado polo Goberno central. Neste encontro estivo o alcalde, Manuel  Campos, e tamén participaron os técnicos municipais de Turismo e Medio  Ambiente, así como representantes de diversos colectivos, hostalería e negocios  vencellados ao sector termal. 

Campos, que actualmente é vicepresidente de Villas Termales, agradeceu a  presenza e a participación dos e das asistentes e lembrou que “a través deste  plan o que se busca é fomentar o desenvolvemento de experiencias sostibles como destino, de xeito que se contribúa ao impulso da economía local”. A  promoción da igualdade, a cohesión social e o aproveitamento e posta en valor  dos recursos termais de municipio son outras das metas que se pretenden  acadar. A entidade dependente da FEMP impulsa iniciativas de este tipo para  seguir consolidando o turismo termal como unha proposta de referencia para  visitantes. Cómpre lembrar que son aproximadamente uns 80 concellos de toda  España os que están adheridos a esta rede, entre os que se atopa Cuntis. 

O alcalde salientou o bo funcionamento desta mesa de traballo, incidindo no seu  aproveitamento para “analizar os parámetros que nos afectan como destino  termal, tendo en conta as achegas e inquedanzas dos e das profesionais do  sector”. Con respecto ao plan, aínda en fase inicial, Manuel Campos entende  que “é o punto de partida axeitado para aplicar acción e medidas que axuden a  continuar potenciando un dos grandes dinamizadores turísticos e sociais de  Cuntis, como son as augas termais”. Unha proposta que ten, entre outras  vantaxes, a súa capacidade para atraer a turistas durante todo o ano, garantindo  a desestacionalización do turismo. “A día de hoxe Cuntis é un referente no Norte  de España neste eido e imos traballar para continuar mellorando a nosa oferta”,  garantiu Campos Velay. 

Por último, o Concello lembra que, no anterior mandato da Red de Villas  Termales, con Manuel Campos como presidente, foi cando se asinou o convenio  de colaboración ca Administración central para a adquisición de fondos  europeos, por valor de 1,5 millóns de euros, co obxectivo de impulsar accións e  proxectos que sirvan para mellorar a oferta termal. “Foron moitos anos de traballo  para que ese acordo se fixera realidade e agora tanto as institucións como o  sector temos que ir da man para acadar resultados no menor tempo posible”,  finalizou Manuel Campos.

Comparte este artigo