• Cubela salientou a aposta constante do Concello de CerdedoCotobade por dinamizar a economía local e buscar alternativas que poñan en valor o traballo dos emprendedores no mundo rural
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os tenentes de alcalde Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro presentaron a Feira Agroalimentaria que se celebrará o vindeiro domingo 17 de xullo, a partir das 19 horas en Cuspedriños a través da cal preténdese promocionar aos produtores locais e exaltar o porco celta, a galiña de Mos e as razas autóctonas de tenreira galega como a cachena e a caldelá.
Este evento gastronómico e de promoción de produtores galegos contará con expositores locais de arándanos, mel, filloas de Valongo, produtos da horta, panadeiría, cervexa artesá, etc. e rematará cun concerto, a partir das 22 horas, protagonizado polo mítico grupo folc galego “A Roda”.
UNHA FOOD TRUCK CON DEGUSTACIÓN GRATIS, ÁS 20 HORAS
Por outra banda, e a partir das 20 horas, unha “Food Truck” será a encargada de levar a cabo unha degustación gratuíta de carnes autóctonas preparadas no mesmo lugar coa intención de que os asistentes poidan comprobar as propiedades organolécticas e degustar nas súas diferentes formas varias ofertas culinarias que terán como base a carne das especies que se van promocionar ao longo desta Feria Agroalimentaria.
O alcalde, Jorge Cubela salientou a importancia que teñen os emprendedores locais na dinamización da economía local e na creación de emprego e apostou por esta Feira Agroalimentaria como un “auténtico escaparate onde os nosos veciños poderán amosar os seus produtos ao tempo que se promociona e divulga o labor importante que fan para fixar poboación, crear riqueza na súa terra e tamén se visibilizará a súa aposta polo noso, pola produción propia elaborada de xeito artesanal diferenciada das grandes produtoras industriais”.
Finalmente, Jorge Cubela salientou “a aposta constante que se leva a cabo desde o Concello de Cerdedo-Cotobade por dinamizar a economía local e buscar alternativas que poñan en valor o traballo dos emprendedores no mundo rural, como a organización desta Feira Agroalimentaria en Cuspedriños, un lugar que pola súa historia e a súa propia idiosincrasia resulta ideal para realizar esta actividade”, sinalou o alcalde.