Da Intelixencia artificial para a impresión 3D de medicamentos ao hacking ético ou a ciberseguridade, charlas de alto nivel na XGN Intermax AI Edition

adminON
Lectura mínima de 5

• Este evento, que reúne cada ano a centos de profesionais e afeccionados ás novas tecnoloxías e o ocio electrónico, terá lugar do 10 ao 12 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA

• Esta edición especial centrada en IA, que coincide co seu 25º aniversario, estará marca polo gran interese das conferencias e obradoiros, os cales se celebrarán durante os dous primeiros días con acceso gratuíto e de man de destacados expertos

A maior lanparty galega ultima xa a súa edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition, a cal terá lugar do 10 ao 12 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Nesta cita, que coincide co 25ª aniversario do evento, o programa de actividades será máis ambicioso que nunca, sendo en boa medida responsables diso as conferencias e talleres. Estas serán de alto nivel, con temas de gran interese e a cargo de destacados expertos en novas tecnoloxías.

Estas conferencias e talleres terán lugar na zona Extranet, polo que tanto os inscritos na Intranet como aqueles que visiten o recinto o venres 10 e o sábado 11 de outubro poden acudir de forma gratuíta.

Acorde á edición especial centrada en intelixencia artificial que este ano celebra o evento, esta tecnoloxía emerxente terá un papel destacado nas actividades. Así, será protagonista en numerosas conferencias, como a centrada en intelixencia artificial aplicada á impresión 3D de medicamentos personalizados, a cargo de Álvaro Goyanes, de Fabrx AI; a que versará sobre IA e as súas aplicacións na música, de man de Santiago Costas, de Freak GZM; ou a que levará por título “Un mundo de fantasIA”, charla interactiva dende o punto de vista dun hacker sobre a evolución da IA e os seus beneficios que conducirá Kike Fontán, consultor de ciberseguridade en Read Team. Ademais, o divulgador de intelixencia artificial Raúl Ordóñez “Jaspeante” impartirá a conferencia “Intelixencia artificial: o teu novo superpoder”.

A IA tamén estará moi presente noutras charlas, como a que se centrará en 8n8 como ferramenta para aumentar potencial na era da IA, impartida por Marc Benito, enxeñeiro de software especializado en React e Next.js., ou a que levará por título “Espremer o teu pc ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de contidos e IA”, conducida polo youtuber Toro Tocho Reviews, nome baixo o que está Christian Sanz.

Ademais, están programadas conferencias como “Revivindo a tecnoloxía, da Game Boy Cor aos Macs modernos”, a cargo de Edu Sánchez, engineer & tech contect creator en La Manzana Mecánica, ou “Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como Fortnite, o videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades”, por parte de Algon Games.

Obradoiros, entre hardware hacking e cosplay

Por outra banda, haberá atractivos obradoiros a cargo de Xabier Iglesias, responsable de ciberseguridade dunha importante cooperativa galega, quen contará coa asistencia de Jan Duinkerken, hacker ético e técnico de ciberseguridade da mesma empresa. Un dos talleres, para o cal é necesaria inscrición, centrarase en electrónica e propoñerá construír unha radio FM dende cero, outro versará sobre como hackear dispositivos electrónicos, un terceiro centrarase no hacking ético e un cuarto na programación de baixo nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86. Engadiranse obradoiros de cosplay, orientados a confeccionar disfraces e accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic.

A estas conferencias e obradoiros sumaranse moitas outras propostas na zona de acceso libre, como áreas de videoxogos, simuladores e lentes de realidade virtual. Ademais, os inscritos, os cales desfrutarán no recinto de forma ininterrompida dun posto con conexión de altas prestacións, contarán a maiores con actividades exclusivas.

Formación e entretemento serán así os eixos dun programa á altura desta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun patrocinio.

Comparte este artigo