HomePontevedraDezaDa Silva asegura que o BNG ten o grupo galego forte “ao...

Da Silva asegura que o BNG ten o grupo galego forte “ao alcance da man” e chama á mobilización da xente que lle quere a Galiza porque cada voto conta

- Anuncio -spot_img

A cabeza de lista destaca en Lalín que cada escano do Bloque é un menos para o PP de Feijóo

Paco Vilariño subliña a utilidade da papeleta nacionalista lembrando a loita do BNG con Néstor Rego no Congreso contra o espolio eólico

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra para o 23X Carme da Silva asegurou hoxe no mitin de Lalín que o Bloque Nacionalista Galego ten a posibilidade de crear un grupo galego forte en Madrid “ao alcance da man” e chamou á mobilización das persoas inconformistas e que lle queren a Galiza porque cada voto conta. Segundo destacou, nestes momentos nos que non habería maiorías absolutas, cada escano que consiga o Bloque servirá para defender os intereses de galegos e galegas e será un escano menos para o PP de Feijóo e en favor dos dereitos e liberdades.

Da Silva, acompañada do portavoz municipal Paco Vilariño e da concelleira Ariadna Fernández, destacou que o 23 de xullo vai de cambiar o guión, “de sermos protagonistas da nosa historia”, sinalando que “xa que pagamos a produción, decidamos nós a película”. Salientou que o domingo, ao elixir a papeleta, é preciso decidir con cabeza e corazón, con ilusión, para conseguir unha voz potente no Congreso e parar definitivamente a discriminación das forzas madrileñas centralistas que só usan Galiza como caladoiro de votos.

“O 23X vai da nosa vida, vai de ser galegas! Vai de poder decidir, de poñerlle freo a unha recentralización insaciable dos poderes políticos e económicos do Estado” subliñou, lembrando que en Madrid deciden sobre moitas cousas “e cando deciden por nós ten consecuencias”. Por exemplo, lembrou que Galiza ten as segundas pensións máis baixas do estado, e perde 40.000 postos de traballo na industria como consecuencia das políticas económicas; salientou que deciden sobre as infraestruturas, “e decidiron que Galiza quede no furgón de cola. Deciden sobre a AP53, e decidiron deixar a transferencia e a gratuidade no caixón”, subliñou.

Tamén sinalou que Madrid decide sobre a enerxía eléctrica, sobre quen asume os costes sociais e ambientais e os beneficios económicos, e dixo que “a dereita de Feijóo goberna para as eléctricas”, polo que pediu parar o espolio dos eólicos disfrazado de ecoloxismo, o timo verde, que apoian tanto a dereita como a esquerda española “tan progre”. “Galiza non vai ser a colonia enerxética de Madrid”, dixo, facendo mención aos parques eólicos que queren inzar montes, pero tamén o mar galego.

Foi moi dura a nacionalista coas políticas de Feijóo, de quen dixo “ten moita cara” ao dicir en plena campaña que á xente só lle preocupa ter o médico cerca e que os fillos e fillas non teñan que marchar para traballar. “Di iso o mesmo Feijóo que eliminou médicos dos centros de saúde na nosa terra. Di iso o mesmo Feijóo que fixo marchar a 200.000 mozos e mozas na última década para buscar un porvir… e aínda lles regalou as maletas coa súa política”, destacou.

“Estamos a disputar deputados ao PP en todas as provincias, e cada escano do BNG é un menos para o PP de Feijóo”, dixo, asegurando que o ex presidente da Xunta cambiou o seu eslogan de ‘Galicia, Galicia, Galicia’ polo chotis de ‘Madrí, Madrí, Madrí” amosando realmente os seus intereses.

Por todo isto, e tamén ante o desencanto de moita xente coa falta de palabra das forzas “progres” no goberno por non cumprir os seus compromisos sociais, Da Silva chamou á mobilización do voto inconformista, rebelde e de país e destacou que se toda a xente que votou ao Bloque nas municipais repite a súa papeleta, Galiza estará representada cun grupo galego forte que fará que conte con máis forza e condicione as políticas do Estado.

A do BNG: Política de utilidade para a comarca

Pola súa banda, o portavoz municipal en Lalín Paco Vilariño, destacou a importancia e utilidade do nacionalismo galego en Madrid. Destacou que grazas a Néstor Rego tense avanzado moito para a comarca, pero recoñeceu a necesidade de facer moito máis, para o que se precisa un grupo galego forte.

Subliñou a utilidade do BNG ao estar no Congreso xa que foi a única forza, dixo, que se preocupou por parar o espolio verde dos aeroxeneradores nos montes do Deza e o resto do país. Tamén sinalou que o BNG será a única garantía de que o acordo para crear un centro de exames de conducir en Lalín acadado por Néstor Rego nesta lexislatura sexa unha realidade.

Finalmente, salientou que é necesaria unha voz potente para reclamar unha AP53 galega e libre de peaxe. Destacou que a transferencia foi incluída no anterior pacto de investidura, pero nin foi convocada a comisión de infraestruturas porque non había interese por parte das forzas do goberno en sacar adiante a iniciativa. Dixo que o PP e o PSOE xunto a Unidas Podemos alternáronse ao ignorar os intereses da comarca mentres a veciñanza segue a pagar por quilómetros que non percorre e nin sequera conta con descontos por uso habitual.

Publicacións Relacionadas