A Asemblea Local agradeceu o traballo levado a cabo por Natalia Camiña e o seu compromiso con Cuntis, Galiza e o BNG
A actual portavoz municipal do BNG, Natalia Camiña, vén de presentar, por motivos persoais e laborais, a súa renuncia como concelleira, para que sexa incluída no vindeiro pleno da corporación municipal, a celebrar, previsibelmente, o vindeiro 13 de febreiro..
Natalia Camiña, química de profesión, ten actualmente o seu traballo nun concello da Coruña que a obriga a vivir fóra de Cuntis e, ao mesmo tempo, está a estudar un mestrado e preparando oposicións, o que fai imposíbel atender as obrigas de concelleira coa dedicación necesaria.
A Asemblea Local do BNG entendeu perfectamente os motivos da súa renuncia e trasladoulle “o agradecemento inmenso da militancia de Cuntis” polo seu traballo e o seu compromiso con Cuntis, co país e co BNG.
“Natalia continuará traballando por Cuntis e é para nós unha honra que continúe a formar parte do Consello Local, aportando a súa experiencia e a súa intelixencia para facer un concello mellor”, afirmou a responsábel local do BNG Dores Chedas.
O seu substituto será Daniel Martín Vidal, veciño de San Ildefonso (Troáns) e funcionario do Ministerio de Interior, que volveu a agradecer todo o traballo levado a cabo por Natalia e comprometeuse a traballar man a man “con todos os veciños e veciñas para lograr un Cuntis sexa quen de aproveitar mellor os seus recursos e lograr unha mellor calidade de vida para todas e todos”