As bonificacións xenéricas estatais son do 100% nas viaxes de volta mentres que as da Xunta quedan nun escaso 25%
O candidato socialista ao Congreso denuncia o pésimo estado de conservación dos 25 Km do trazado da autoestrada galega entre Puxeiros e Baiona
“Comparar as bonificacións estatais na Autoestrada do Atlántico, AP-9, coas que aplica a Xunta de Galicia na Autoestrada do Valmiñor, AG-57, é como comparar o día e a noite”, afirma David Regades, candidato socialista ao Congreso nas Xerais do próximo 23X, que reclama do Goberno galego “menos propaganda, MENOS RUÍDO e máis descontos reais para toda a veciñanza que utiliza a diario a autoestrada galega entre Vigo, Gondomar, Nigrán e Baiona”.
O Estado bonifica ao 100% as viaxes de volta na AP-9 tódolos días da semana e para tódolos usuarios, mentres a Xunta quédase nun 25%, catro veces menos, na AG-57 e, por se fose pouco, limítao aos días laborables. O Estado ofrece, ademais, un 20% adicional para as persoas usuarias que fagan máis de 20 viaxes ao mes, un plus inexistente na autoestrada galega. As bonificacións estatais son transparentes, independentes das xornadas e dos horarios, mentres a Xunta introduce un complexo abano de condicionantes nos horarios e xornadas e mesmo utiliza ás familias numerosas para ocultar que, en realidade, ofrece unhas bonificacións moi inferiores ás do esquema estatal para a AP-9 que entrou en vigor en xullo de 2021. “Os descontos na AP-9 son reais; os da AG-57, maquillaxe, porque non ten sentido que unha familia numerosa de Lugo poida beneficiarse, nunha viaxe concreta, de descontos superiores aos dun autónomo de Nigrán que circula por esta autoestrada tódolos días”, conclúe.
O candidato socialista ao Congreso nas Eleccións do próximo 23X recorda que o Goberno de Pedro Sánchez financia este esquema de descontos para os 220 Km da AP-9 con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, en contraste co que fixo o PP en 2013 cando aprobou descontos limitados para tramos concretos e, ademais, financiounos cun incremento de tarifas. “Por incrible que pareza, o PP, con Ana Pastor de ministra, pagaba as bonificacións subindo as peaxes”, recorda Regades.
Por outra banda, o número 1 da lista do PSdeG-PSOE pon tamén en valor que foi o Goberno socialista presidido por Pedro Sánchez o que eliminou a peaxe no tramo Redondela-Vigo, facendo así realidade unha promesa histórica. De feito, engade, fíxoo levando ao Boletín Oficial do Estado o que Ana Pastor e Íñigo de la Serna prometeron, pero incumpriron durante as súas etapas como ministros de Fomento de Mariano Rajoy.
O candidato destaca que as bonificacións na AP-9 supuxeron “un antes e un despois” e un compromiso claro con Galicia e coa provincia de Pontevedra como nunca se tiña producido anteriormente. Un compromiso que se traduce en 55 millóns de euros anuais dos Orzamentos Xerais do Estado, mentres descoñecemos canto dedica a Xunta de Galicia a bonificar as autoestradas galegas AG-55 e AG-57.
Por último, David Regades apunta que, ademais dun insuficiente cadro de bonificacións, as e os condutores que circulan pola AG-57 deben padecer un moi deficiente estado de conservación da calzada e unha clara falta de iluminación ao longo dos 25 Km do trazado entre o alto de Puxeiros e Baiona.