• Na xornada de hoxe a party amplía o seu programa formativo con conferencias e obradoiros de iniciación que achegan a informática e as novas tecnoloxías a todos os públicos
• Continúan tamén as distintas competicións e as actividades máis lúdicas tanto para os inscritos na Intranet como para os visitantes que acoden á Extranet
• O evento foi visitado esta mañá polo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, quen estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses
A XGN Intermax 2024, a cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, desenvolve hoxe as súas propostas máis didácticas. Así, o seu programa formativo amplíase coa celebración de diversas conferencias e obradoiros de iniciación dirixidos a todos os públicos.
O programa comezou abordando a impresión 3D a través dunha conferencia na que os asistentes puideron coñecer as diversas impresoras deste tipo que existen, vendo in situ algunhas delas, ademais de aprender como xerar ficheiros e tamén distinguir os materiais de maior ou menor resistencia que se utilizan. Así mesmo, descubriron as múltiples aplicacións desta avanzada tecnoloxía e resolveron numerosas dúbidas.
A continuación, a programación “do it yourself” ou “faino ti mesmo” foi a protagonista doutros dous talleres. O primeiro deles centrouse en como utilizar a intelixencia artificial para aprender a programar cun sistema denominado Arduino e utilizando como contexto a domótica do fogar. Realizouse unha introdución á programación de maneira accesible e práctica, tras o cal os participantes programaron circuítos básicos e tamén aprenderon a xerar códigos e resolver problemas deste proceso preguntando a ChatGPT. Todo iso, utilizando como exemplo a domótica do fogar a través dunha maqueta dunha casa para entender de maneira sinxela a aplicación de todo o exposto.
En canto ao segundo destes obradoiros, centrouse na introdución a MicroBit, unha microcomputadora para aprender a programar de forma moi sinxela que funciona con bloques en lugar de códigos e é moi utilizado en temas educativos para programación básica pola súa relación co pensamento computacional, o cal expón resolver os problemas dividíndoos en problemas máis pequenos e manexables.
Por outra banda, o programa de conferencias da party acolleu un novo taller de cosplay (actividade consistente en confeccionar e/o usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic), deseñando un sombreiro de bruxa.
Continúan ademais as competicións de arte dixital, videoxogos, modding (modificación de equipos), setups (personalización creativa do espazo individual dos participantes na party) ou programación de robots para que compitan nun sinxelo xogo.
Visita do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
Toda esta actividade da XGN Intermax 2024 puido coñecela esta mañá o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, quen visitou a party acompañado da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
Unha primeira visita na que mostraron un gran interese e agrado co evento tras percorrer a zona Intranet que ocupan os máis de 800 inscritos e coñecer as actividades celebradas na Extranet. Esta zona de acceso libre ofrece interesantes propostas ata hoxe ás 20.00h, mentres que a área exclusiva para rexistrados, a Intranet, continuará a súa actividade ata mañá.
Será entón cando se entreguen os premios dos torneos e remate a 24ª edición da party, a cal estreou patrocinador coa compañía tecnolóxica galega Intermax Technology, e conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a cal é impulsora da party.