HomePontevedraDezaDe charlas sobre IA e obradoiros de hacking ético a competicións de...

De charlas sobre IA e obradoiros de hacking ético a competicións de ciberseguridade, propostas formativas da XGN Intermax AI Edition

- Anuncio -spot_img
  • Na xornada de hoxe esta lanparty, a maior de Galicia, conta cun amplo programa de actividades didácticas que achegan a informática e as novas tecnoloxías a todos os públicos
  • Continúan tamén as distintas competicións e as actividades máis lúdicas tanto para os inscritos na Intranet como para os visitantes que acoden á Extranet
  • O evento foi visitado esta mañá polo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, quen estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; a alcaldes de Silleda, Paula Fernández, e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, ademais doutras autoridades

A maior lanparty galega continúa celebrando hoxe a súa edición especial centrada na intelixencia artificia, a XGN Intermax AI Edition. Unha cita que se estenderá ata mañá á primeira hora da tarde no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Neste segundo día as propostas formativas multiplícanse, con máis conferencias e talleres que pretenden achegar a informática e as novas tecnoloxías a todos os públicos. Así, o programa de conferencias comezou esta mañá abordando a “IA na música, evolución e creatividade”, de man de Santiago Costas, de Freak GZM, para logo mostrar como un videoxogo pode ser tamén un espazo de encontro, comunicación e atracción de talentos para universidades e administracións coa xornada “Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como Fortnite, o videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades”, conducida por Álvaro E. Vázquez, CEO & Executive Manager de Algon Games.

Xa esta tarde, o programa comezará tratando a “Intelixencia artificial aplicada á impresión 3D de medicamentos personalizados”, por parte de Álvaro Goyanes, profesor da Facultade de Farmacia da USC e cofundador tanto de Fabrx, primeira empresa dedicada exclusivamente á impresión 3D de medicamentos personalizados, como de Fabrx AI, firma galega pioneira na aplicación da intelixencia artificial para desenvolvemento de medicamentos. Exporá como os algoritmos poden predicir a “imprimibilidad” de medicamentos, é dicir, se unha mestura de principios activos e excipientes será viable para a impresión 3D, adaptar dose ás necesidades do paciente, producir “polypills” e acelerar o ciclo entre o deseño do medicamento e a súa produción no punto de atención.

A continuación, Edu Sánchez, Engineer & Tech Content Creator en La Manzana Mecánica conducirá a charla “Revivindo a tecnoloxía, da Game Boy Cor aos Macs modernos”, na cal os asistentes poderán explorar o mundo da modificación e restauración de consolas e dispositivos clásicos, demostrando como darlles unha segunda vida e adaptalos ao presente. Tamén o creador de contido Matty Sánchez, centrado en estilo de vida, adestramento e receitas saúdables, conducirá una charla. Por último, Marc Benito, enxeñeiro de software especializado en React e Next.js, na súa conferencia “Aumenta o teu potencial con n8n na era da IA”, descubrirá como as ferramentas non code como n8n están a revolucionar a forma de traballar cando a IA entra en xogo para que os equipos non perdan tempo en tarefas repetitivas que poden automatizarse.

No apartado de talleres desde a mañá lévanse a cabo un total de seis. Os catro primeiros na zona Hacking & Makers, estando centrado un deles en construír unha radio FM desde cero, outro sobre como hackear dispositivos electrónicos, un terceiro de hacking ético e un cuarto na programación de baixo nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86. Todos eles están conducidos por Xabier Iglesias, responsable de ciberseguridade. Engádense dous talleres de cosplay (actividade consistente en confeccionar disfraces e accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic), nos que os asistentes poden deseñar un sombreiro pirata e un helmo épico.

Continúan ademais as competicións de arte dixital, videoxogos, modding (modificación de equipos), setups (personalización creativa do espazo individual dos participantes na party), programación de robots e CTF, onde os participantes deben demostrar as súas habilidades en ciberseguridade.  E tamén segue celebrándose o taller centrado en modding, que hoxe inclúe unha sesión de pintura e técnicas de acabado, e, como parte final, outra de montaxe de hardware e refrixeración líquida.

Visita do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

A XGN Intermax AI Edition contou esta mañá coa visita do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, quen visitou a party acompañado da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, ademais doutras autoridades.

Durante a súa estancia percorreu a zona Intranet que ocupan os 863 inscritos e puido coñecer as actividades celebradas na Extranet. Esta zona de acceso libre ofrece interesantes propostas ata hoxe ás 21.30h, mentres que a área exclusiva para inscritos, a Intranet, continuará a súa actividade ata mañá a primeira hora da tarde.

Será entón cando se entreguen os premios dos torneos e remate esta 25ª edición do evento, o cal conta co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial da empresa Intermax Technology. Así mesmo, nesta edición o provedor galego Raiola Netwoks súmase ao evento cun sponsor e o Clúster TIC Galicia patrocina o programa de conferencias.

Publicacións Relacionadas