Para os amantes do mundo do cabalo, haberá unha competición hípica de encanches ás 12 horas no campo de fútbol de Praderrei.
As actuacións comezarán ás 18 horas do domingo 1 de setembro e desenvolveranse na Praza do Concello.
As actuacións de De Vacas, Broken Peach, Os Coribantes de Buchabade, o mago Carlos Tomico e os Dj´s no Camiño Mateo Fajardo e David Expósito protagonizarán a celebración da XIII Festa d@s Moz@s que terá lugar o vindeiro domingo 1 de setembro, a partir das 18 horas, na Praza do Concello en Campo Lameiro.
Previamente, ás 12 do mediodía, levarase a cabo o concurso territorial de enganches, unha competición hípica moi interesante para os amantes do mundo do cabalo e que terá lugar no campo de fútbol de Praderrei.
A Festa d@s Moz@s, que volveu recuperar a súa celebración despois de varias décadas grazas ao Concello de Campo Lameiro, terá este ano un abano de actuacións que recollerán diversos estilos de música para todos os públicos.
Así, ademais do espectáculo de maxia a cargo do mago Carlos Tomico, que chega a Campo Lameiro a través do programa Ler conta moito da Xunta, este ano estará a Banda de Baile e Gaitas Os Coribantes de Buchabade (Ponte Caldelas) que ofrecerá un concerto no que mesturarán diversos ritmos tradicionais galegos con outros moi innovadores convertendo a súa actuación nun auténtico espectáculo.
Outra das novidades deste ano é “Broken Peach”, unha banda de Soul&Rock de Vigo, formada a principios do 2009, despois de traballar xuntos en varios proxectos, creando unha nova forma de fusionar a música co espectáculo. Desmárcanse das típicas bandas de versións, dándolle un toque persoal a cada un dos temas que interpretan. A súa formación habitual é de 4 voces, batería, baixo, guitarra e/o piano. Unha das súas mellores bazas é ter unha estética diferente, a cal dá un pouco de frescura visual ao público. O estilo de música que interpretan vai desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, o funky, o pop, etc.
Tamén estarán sobre o escenario ubicado na Praza do Concello de Campo Lameiro o cuarteto De Vacas, unha agrupación que está a causar unha gran sensación no panorama musical galego coas súas versións sobre temas populares así como outros de creación propia. Esta actuación chega a través do programa +Música da Deputación de Pontevedra.
Para pechar este ano a Festa d@s Moz@s, a organización trae, coa colaboración da Xunta, aos Dj´s no Camiño Mateo Fajardo e David Expósito o cales estarán acompañados no escenario por acróbatas e gogós que ofrecerán un espectáculo musical de última xeración, moi visual, onde os xogos de luces e os efectos sobre o escenario serán todo un acontecemento que animará á mocidade a bailar e gozar da noite en Campo Lameiro.