A CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL DA XUNTA DE GALICIA, MARÍA JOSÉ GONZÁLEZ, INAUGUROU OFICIALMENTE HOXE ESTA V FEIRA DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA, A CAL SE CELEBRA ATA MAÑÁ
A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal se celebra desde onte e ata mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), continúa hoxe co seu completo programa de actividades.
Os visitantes profesionais, ademais de coñecer na súa área expositiva as últimas innovacións do sector, puideron acudir esta mañá a numerosas xornadas técnicas, as cales contaron con gran asistencia de público.
Así, levouse a cabo o XXVII Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Porcino de Silleda, cos restos comerciais e produtivos do sector como un dos seus temas principais; a XVII Xornada Técnica para responsables de calidade de fábricas de pensos Galis sobre nova regulación de envases e aspectos prácticos do Regulamento 2024/1229; e dúas xornadas sobre a innovación no sector forestal e o impulso da sustentabilidade no sector lácteo, organizados pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural abordou noutra xornada a sanidade animal, con temas tan relevantes como a situación da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e a lingua azul en Galicia. Sumáronse encontros centrados na distribución sostible de xurro, do Campus Terra de Lugo; na optimización de datos en granxas de vacún de leite, de De Heus; e no proxecto Sat4carbón, de vixilancia de carbono en sistemas silvopastorais por teledetección, presentado pola Asociación Agraria de Galicia (Asaga).
Tamén durante esta mañá tivo lugar o acto oficial de inauguración de Abanca Cimag-GandAgro 2025, o cal estivo presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez.
Comezan as actividades de vacún frisón
Outro dos grandes atractivos desta feira son os concursos centrados en vacún frisón. Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, darán comezo esta tarde co XX Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XLII Concurso de Xóvenes Manexadores.
Xa mañá desenvolveranse os morfolóxicos XXXVII Open Internacional e XXXIII Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 159 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña e Portugal.