HomePontevedraDezaDende sustentabilidade, xenética e retos de futuro ata innovación, biotecnoloxía e drons...

Dende sustentabilidade, xenética e retos de futuro ata innovación, biotecnoloxía e drons no programa da feira agropecuaria Abanca Cimag-GandAgro 2025

- Anuncio -spot_img

UN CENTENAR DE EXPERTOS CONDUCIRÁN OU PARTICIPARÁN NA REALIZACIÓN DAS DISTINTAS ACTIVIDADES DESTE CERTAME PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA, QUE CELEBRA A SÚA QUINTA EDICIÓN DE 20 A 22 DE FEBREIRO

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal se celebrará do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará cun completo programa de actividades dirixidas aos profesionais do sector agropecuario.

As conferencias terán un papel destacado pola súa diversidade, actualidade e interese, convertendo ao certame nun atractivo foro de análise e coñecemento. Así, acollerá o XXVII Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Porcino de Silleda e cos restos comerciais e produtivos do sector como un dos seus temas principais; as Xornadas de Cunicultura de Cogal, que tratarán a cunicultura nun escenario cambiante e a xenética, e tamén a XVII Xornada Técnica para responsables de calidade de fábricas de pensos Galis sobre nova regulación de envases e aspectos prácticos do Regulamento 2024/1229, de Galis Alimentos Seguros.

A distribución sostible de xurro será outro dos temas das xornadas da feira, xunto coa optimización de datos en granxas de vacún de leite e os proxectos Sat4carbón, de vixilancia de carbono en sistemas silvopastorales por teledetección, e Biotrace, o cal, baseado en biotecnoloxía avanzada, busca salvagardar as razas autóctonas porcinas minoritarias. O Campus Terra de Lugo, De Heus, a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) serán, respectivamente, os seus organizadores.

Sumaranse unha xornada informativa e formativa para a incorporación de mozos e novos agricultores ao rural e outra centrada en sanidade animal, con temas tan relevantes como a situación da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e a lingua azul en Galicia, ambas organizadas pola Consellería do Medio Rural. Ademais, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), programou cinco encontros, sobre reaproveitamento de subproductos agrogandeiros para o impulso da economía circular, innovación no sector agrícola para mitigar os efectos do cambio climático, estratexias innovadoras no sector vitivinícola e forestal e impulso da sustentabilidade no sector lácteo.

Concursos, demostracións e experiencias de calidade

Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira. Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, desenvolveranse os morfolóxicos XXXVII Open Internacional e XXXIII Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 159 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña e Portugal; o XX Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XLII Concurso de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas, aos cales concorren 35 interesantes innovacións presentadas por 26 empresas.

Ademais, haberá diversas presentacións, como a do primeiro cebo pulverizable listo para usar que permite un control rápido e efectivo de moscas, de man de Protección Verde, e demostracións, como as de aplicacións aéreas con drons de Coinsa Agro. Nelas realizaranse simulacións de aplicación de fitosanitarios, abonos ou aminoácidos cun dron T50 con embocaduras atomizadas. Serán en voos automáticos de media Ha en dúas modalidades distintas, unha recta e outra aplicando primeiro o perímetro e logo a parte interior, con diferentes volumes e tamaños de pingas.

Ademais, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), todos os días do certame desenvolveranse varias sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade, ademais dunha sesión con produtos de artesanía alimentaria de Galicia. Terán lugar na aula de Experiencias de Calidade que esta entidade ten na feira e na que se desenvolverán actividades de cociña en directo coa degustación destes produtos, dirixidas polo chef Marcos Arufe, do Espazo Gastronómico Remollo, en colaboración con persoal dos consellos reguladores implicados.

Serán un centenar de expertos de distintos ámbitos dos sectores da maquinaria, a agricultura e a gandería os que conduzan ou participen na realización das actividades.

Publicacións Relacionadas